Proseguen as festas estarrecedoras de disfraces, exhibicións, cabazas e concursos na nosa comarca, malia o tren de borrascas. Este venres 3 de novembro é a quenda da parroquia sonense de Queiruga, que celebra a súa festa de Samaín polo serán, a partir das 19.00 horas na Casa da Cultura. “Será unha tarde-noite cheíña de actividades para grandes e para pequechos/as”, informan dende a organización desta cita festiva, a Comisión de Festas de Queiruga. Haberá actividades e premios para a rapazada, e tamén merenda de balde (minibocatas de bacon e chourizo).




