
O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, asinaron esta mañá un protocolo de actuación co obxectivo de favorecer a colaboración entre concellos en materia de Servizos Sociais, Igualdade e Benestar. Na sinatura do documento estiveron presentes os concelleiros de servizos sociais de ambos os dous Concellos, Raúl Treus e Ana Vidal.
“Coa sinatura deste protocolo o que se pretende é materializar unha colaboración que xa se vén dando entre concellos no ámbito dos servizos sociais, sen deixar de lado outras ideas nas que tamén poder traballar de forma conxunta”, recoñeceu o alcalde de Rianxo. A integración e a mellora continua dos servizos para o conxunto da cidadanía e servir de exemplo para o resto de municipios limítrofes é un dos obxectivos do documento asinado esta mañá.
O protocolo pretende mellorar a coordinación e cooperación para desempeñar mellor os fins e competencias ecomendadas na área de servizos sociais, igualdade e benestar. “Boiro e Rianxo comparten numerosos lazos sociais, económicos e comerciais, polo que é importante unificar procedementos á hora de traballar en distintas áreas como son os servizos sociais e o benestar para garantir os recursos e chegar a todas as persoas”, afirmou o alcalde de Boiro.
Entre os acordos recollidos neste protocolo están o de levar a cabo actividades formativas, informativas e de divulgación, ocio e saúde de forma conxunta para a veciñanza dos dous concellos; desenvolver campañas conxuntas en igualdade, LGTBI+ ou de calquera outra índole; estreitar lazos entre os servizos técnicos de cada un dos concellos para unha pronta resposta ante as emerxencias.
O protocolo recolle tamén acordos a futuro, como homoxeneizar os regulamentos municipais en materia de igualdade, benestar, inclusión ou servizos sociais, respectando sempre as peculiaridades de cada municipio ou compartir as vivendas sociais e de impulso xove; así como en ampliar a mellorar os servizos que xa se veñen compartindo como é o caso do Centro de Información á Muller. “A colaboración entre concellos permítenos abaratar custes e prestar un servizo máis eficiente”, recoñeceu Romero.
Ambos os dous alcaldes coinciden na necesidade de traballar de xeito conxunto a prol dos servizos nos que os municipios non contan coas competencias e que cada vez se ven máis mermados e como son a falta de prazas nas escolas infantís, centro de día e a residencia para a terceira idade ou o financiamento insuficiente da axuda no fogar. “Coa sinatura deste documento unimos forzas para achegar solucións a problemas que os concellos estamos asumindo e non son da competencia da administración local”, afirmou Bustelo.



