A Cidade da Cultura de Santiago de Compostela foi o lugar escollido para celebrar este martes, 14 de novembro, o acto de presentación de proxectos finais da iniciativa O Noso Reto Solidario. Dos catro proxectos presentados, Orixe Salgada foi o elixido polo comité para recibir apoio para a súa posta en marcha no marco desta iniciativa, impulsada por Fundación Amicos, Fundación
Roberto Rivas e Fundación Botín.
Despois de sete meses de traballo, na mañá deste 14 de novembro chegou o momento para os participantes de O Noso Reto Solidario de presentar os seus proxectos ante un comité de profesionais das áreas de economía social, emprego e emprendemento. Despois dunha sesión de presentación de case dúas horas, o xurado designou ao proxecto de Orixe Salgada como o gañador desta primeira edición do programa.
A iniciativa está baseada na creación de produtos de economía circular coas algas galegas como materia prima. O seu produto principal sería Terra Mare, un artigo que tenta dar resposta a dous problemas locais: o exceso de algas nas costas galegas e a alta demanda dun produto ecolóxico que na actualidade as empresas galegas importan na súa maioría.
A proposta gañadora competía con ideas como Abraio, deseñada por Alén S. Coop. Galega, unha plataforma web ao redor da oferta de actividades turísticas responsables e inclusivas; Meet Rural, plataforma dixital destinada a incrementar a cooperación entre campo e cidade, creada polas emprendedoras Sandra Fontinha e Lucía Prado. E O rural mola, un proxecto de economía social desenvolvido polo Instituto da Familia & Abundanthia co obxectivo de incrementar a actividade e poboación nas zonas rurais galegas.
O final do evento estivo marcado pola proclamación do gañador. Aínda que Pablo Fernández, secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia e portavoz do xurado, declarou que a selección estivo moi rifada e quixo pór o acento no traballo e a calidade dos proxectos presentados, o que finalmente conseguiu a capital semente foi Orixe Salgada co seu produto Terra Mare. Este recibirá un apoio adicional para ser posto en marcha. Este impulso consistirá nun mínimo de 6.000 euros de capital semente, apoio xurídico para determinar o marco da colaboración e apoio no asesoramento e desenvolvemento tecnolóxico.
O xurado encargado de seleccionar os proxectos desenvolvidos no marco desta iniciativa estivo formado por Pablo Fernández, secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia; Farrah Lisa Meghazi, subdirectora xeral de Economía Social, Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia; Mar Pernas, responsábel de Relacións Institucionais da Unión de Cooperativas EspazoCoop; María Bastida, profesora titular e investigadora da área de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela; Marta Rey, profesora titular da área de Comercialización e Investigación de Mercados e directora da Cátedra Sustentabilidade INDITEX da Universidade da Coruña e Ramón Vallés, director do Centro Territorial de Galicia de RTVE.
Tamén asistiron ao acto os mentores que acompañaron aos participantes durante todo o proceso, e que pertencen ás tres fundacións impulsoras de O Noso Reto Solidario. Eles son Javier García Cañete, director de Programas de Fundación Botín, Olga Rivas, directora de Fundación Roberto Rivas, e Xoán España, director xeral de Asociación Amicos.
O Noso Reto Solidario é un programa lanzado a comezos de 2023 pola Fundación Amicos, Fundación Roberto Rivas e Fundación Botín, dirixido a organizacións sen ánimo de lucro, figuras da economía social, empresas sociais, e emprendedores con ideas susceptíbeis de ter un impacto social ou ambiental.