“Non admite dúbida o respaldo histórico do Camiño a Santiago da Ría de Muros Noia”. Así de contundente se manifestou este 14 de novembro o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, durante o seu encontro cos alcaldes e alcaldesas da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, que acompañaron á delegación de académicos que visitou elementos destacados desta ruta xacobea.
A delegación da Academia Xacobea, composta por unha quincena de académicos, visitou durante a mañá deste martes os cinco municipios da ría, comezando polo de Noia, onde foron recibidos polo concelleiro de Cultura e Turismo, José Pérez Martínez, e a tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade, María Luís Villar Ageitos. Xosé Palmou aproveitou a ocasión para asinar no libro de honra do Concello, como faría posteriormente en Porto do Son.
Tras Noia, a comitiva percorreu durante a mañá os municipios de Muros, Outes, Porto do Son e Lousame, onde foron recibidos polos seus alcaldes e alcaldesas. Todos eles coincidiron en agradecer a súa visita e en detallarlles os elementos máis destacados do Camiño ao seu paso polo seu municipio.
Novos académicos
Tras un xantar en Lousame, pola tarde tivo lugar a sesión de ingreso de cinco novos membros de honra na Academia Xacobea. Un acto celebrado no Casino de Noia, instalacións que lle foron cedidas este martes á entidade polo Concello de Noia para que a Academia puidese celebrar próximas reunións e actividades no municipio. “Unhas instalacións que a Academia pode usar como sede e para centralizar en Noia todas as reunións e actividades que desexe facer, sen prexuízo de que se poidan xuntar noutros municipios”, explica José Pérez.
O acto contou cun amplo abano de autoridades relixiosas, militares e civís, como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles. Alí tomaron posesión os cinco novos académicos de honra: o noiés Luís Alamancos Pampín, director da cátedra de Criminalística e Ciencias Policiais da Universidade LiberQuaré; a xornalista Maribel Outeiriño, autora de varias guías sobre rutas xacobeas; Carlos Baliñas, catedrático emérito de Filosofía da USC; Ricardo Pardo Gato, doutor en Dereito e investigador sobre o Camiño de Santiago; e o farmacéutico, biólogo e empresario Pedro Piñeiro.
Gala Xacobea
A presidenta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia (e alcaldesa de Lousame), Teresa Villaverde, agradeceu o apoio amosado por Xesús Palmou e a Academia Xacobea. “Non podemos desfalecer porque temos un Camiño cunha historicidade demostrada e temo recompilado numerosos traballos de investigación que así o atesouran, polo que seguiremos traballando para conseguir a oficialización do Camiño a Santiago da Ría de Muros Noia”, apuntou Villaverde Pais, quen aproveitou a ocasión para “convidar á Academia Xacobea a que forme parte do noso Comité de Expertos”.
Durante a Gala Xacobea, representantes da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia expuxeron novamente os feitos documentados que corroboran a historicidade desta ruta xacobea, que conta co recoñecemento do Arcebispado de Santiago, cuxo titular estivo presente en Noia, e que só agarda o recoñecemento da Xunta. O grupo A Misela e a Escola de Danza Oitos, co espectáculo Luces da Terra Privilegiata, puxeron a nota musical á velada.
Esta xornada estivo promovida pola Academia Xacobea, en colaboración coa Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros e Noia e o Portus Apostoli. Contou ademais co apoio de organizacións culturais e sociais da bisbarra, freguesías da Ría de Muros Noia, do Arcebispado de Santiago de Compostela e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.