
O PP de Ribeira, a través da concelleira María Sampedro, emitiu un comunicado sobre a criminalidade no termo municipal, no que, entre outras cousas, proponse convocar de urxencia a xunta local de seguridade. Segundo fan saber, cada fin de semana hai novos sucesos vandálicos que poñen de manifesto “unha preocupación que xa foi exposta polo grupo popular a través dunha proposición presentada no mes de outubro”.
E engaden: “Os actos vandálicos en diferentes vehículos e intentos de roubo fan acender as alarmas en diferentes barrios da nosa localidade poñendo de manifesto a necesidade de unirmos forzas na consecución de novos reforzos para o Corpo de Policía Nacional”. Porén, critican que “para a nosa sorpresa vemos que ao abeiro do aumento presentado polo Ministerio, do que tivemos coñecemento o 3 de novembro, a Ribeira só lle correspondería un axente, o que non é válido nin para poñer en marcha unha patrulla”. Por esta razón, o PP solicita ao Goberno municipal a convocatoria urxente da xunta local de seguridade.



