O obradoiro Frouma Atlantic Wood, de Ribeira, finalista nos Premios Artesanía de Galicia 2023

17 Novembro 2023
O obradoiro de Frouma emprega as madeiras das bateas como materia prima

O xurado dos Premios Artesanía de Galicia 2023, presidido polo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, decidiu nomear tres finalistas da categoría principal da edición deste ano. Os seleccionados foron o obradoiro Frouma Atlantic Wood (Ribeira), que traballa con madeira reciclada, o obradoiro especializado en coiro Raíces Nómadas (Ribadeo) e o obradoiro dedicado á calceta Logaro (Ourense).

Os e as vogais que completaron o xurado foron Laura Fontenla, xefa do Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía; Laura Delgado, gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2022; Juan Adrio Fondevila, director da EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela; Ramón M. Cabarcos, director da EASD Ramón Falcón; e Manuel González, membro de Oficioyarte e expresidente da Asociación Galega de Artesáns (AGA). A xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro Castro, actuou como secretaria do xurado, con voz pero sen voto.

Despois das oportunas valoracións e análises segundo os criterios sinalados nas bases reguladoras, o xurado acordou por unanimidade nomear finalistas para o Premio Artesanía de Galicia 2023, dotado con 9.000 euros, as seguintes candidaturas:

Peza con lema Noray, do obradoiro Frouma Atlantic Wood (Ribeira, A Coruña), un pequeno móbel auxiliar que pode ser unha banqueta, unha mesa ou unha lámpada, elaborado a partir de madeira de batea e inspirada nos norais ou morróns dos portos galegos que son empregados para amarrar os cabos ao atracar os barcos.

Peza con lema Nasa, do obradoiro Raíces Nómadas Atelier (Ribadeo, Lugo), un bolso de man realizado en pel de curtido vexetal, que busca reinterpretar a través da marroquinería e do trenzado aquelas nasas antigas elaboradas con madeira e vimbios, nunha homenaxe á cultura marítima de Galicia.

Peza con lema Orixe, do obradoiro Logaro (Ourense), un xersei deseñado e elaborado con técnicas coma o gancho, o gorullo do tecido tradicional galego e a técnica nalbinding, vinculada á encadernación, e a partir do fío de la autóctona, da raza ovella galega, un material que permite conectar tamén pasado con presente e futuro.

Os Premios Artesanía de Galicia están impulsados pola Xunta co obxectivo de “recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais do sector artesán galego, estimular a súa creación e fomentar o relevo xeracional no sector”. Constan de tres categorías –Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Gesto– cuxos gañadores se darán a coñecer nun acto público que terá lugar en Santiago de Compostela no mes de decembro.

O Premio Artesanía de Galicia 2023, dotado con 9.000 euros, premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa. O Premio Traxectoria 2023, de carácter honorífico, recoñecerá a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da nosa artesanía, a calidade do seu traballo así coma o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.

E co Premio Bolsa Eloy Gesto, que está dotado con 4.000 euros para investir nun centro de formación de prestixio, a Xunta de Galicia busca impulsar o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización, posto que está dirixido a artesáns que non superen os 40 anos.

Outros artigos

O mozambiqueño Cheny Wa Gune estará este sábado en Rianxo

O músico mozambiqueño Cheny Wa Gune estará este sábado 26 de setembro en Rianxo no marco das celebracións do 10.º aniversario do pasamento de Fran Pérez "Nar", co patrocinio da Deputación da Coruña. A cita será ás 20.30 horas no Auditorio Municipal, e será un concerto...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.