
Varias zonas do núcleo da Mirandela contarán en datas vindeiras con servizo de abastecemento de auga, recollida de pluviais, saneamento, incremento do alumeado público e reposición do pavimento ou dotación do mesmo nalgunhas vías que eran de terra ata o de agora ao abeiro do POS+2019. Así o recordaron o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal; a concelleira das Obras, Patricia Lojo; e Andrés Fernández, arquitecto técnico do estudo encargado da redacción do proxecto, que se desprazaron este xoves 2 de novembro ata o lugar para comprobar avance das obras que se iniciaron na semana pasada e contan cun prazo de execución de catro meses.
“Este proxecto”, sinalaron, “é unha mostra da folla de ruta deseñada pola Administración local para dotar de servizos básicos ao rural e acondicionar as vías públicas; un compromiso que se estenderá a outras zonas do municipio segundo manifestaron tanto o rexedor como a edil”.
A empresa adxudicataria foi Contrucciones Anspal S.L. por un importe de 139.755 euros, IVE incluído.



