
A corrupción, a ausencia de liberdades, a carencia dun estado de benestar, a falta de futuro, o colonialismo exercido por parte de países como Francia ou Gran Bretaña, entre outros moitos, están a levar a moitos novos africanos a rebelarse en contra dos seus gobernos.
Os mozos senegaleses, mauritanos, marroquís e doutros países africanos ven como outros compañeiros arriscan as súas vidas para cruzar o estreito ou o océano en busca do soño europeo, atopando acollida e moi pronto poden traballar e garantirse un futuro, vivindo con dignidade, no posible, pero en todo caso dunha maneira moito mellor que nos seus países de orixe.
A falta de cultura e formación, por unha banda importante da poboación africana é unha realidade pero tamén non é menos certo de que cada vez hai máis novos e, a maioría deles, non están dispostos a resignarse a morrer na miseria sen ter a oportunidade de vivir, como o resto de mortais, nas chamadas sociedades occidentais.
As sociedades, modernas e avanzadas, só se acordan deles para explotalos laboralmente, con horas de traballo excesivas e salarios de miseria, sen esquecernos de que continúan explotando as riquezas naturais dos seus países, a cambio do pago de favores ao seu gobernante corrupto e mafiosos.



