As queixas emitidas dende o Concello de Ribeira a respecto do Centro de Saúde de Ribeira e da necesidade de iniciar o proxecto dun novo inmóbel do SERGAS na cidade, tiveron este venres 10 de novembro resposta da xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, que acudiu á cidade para visitar o Centro de Saúde e “buscar alternativas temporais para ampliar o actual espazo de atención sanitaria”.
A xerente compostelá considera que “a mellor opción para a atención sanitaria dos veciños de Ribeira é a construción dun novo centro”, para o que reiterou a petición de posta a disposición de terreos ao Concello, “como é habitual con todos os municipios”, dixo. Este paso, dixo, é imprescindíbel “para poder acometer este proxecto, prioritario para a sanidade pública galega”. Eloina Núñez recoñeceu que “acadar estes terreos coa capacidade construtiva necesaria debe ser complicado, pero considero que non imposíbel, para que os ribeirenses poidan contar cun centro de saúde cos requisitos e avances do século XXI, tal como xa se beneficiaron concellos como A Estrada ou Ames, recentemente”.
Núñez lembrou que a construción do novo centro está prevista pola Xunta no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado en outubro de 2021: “Este inmóbel duplicará o espazo actual para poder ampliar la servizos ademais de mellorar as instalacións”, dixo, engadindo que se contempla “un centro que incremente as consultas de médico de familia, pediatría e urxencias extrahospitalarias”. Tamén, sinalou, “permitirá que a poboación de Ribeira conte con novas prestacións como a de hixienista dental, unha sala de educación sanitaria, unha área de fisioterapia ou unha área de saúde mental, que non se poden instalar no centro actual por falta de espazo”.
A suma destes novos servizos, máis a revisión do tamaño actual, arroxa unha necesidade que ascende ata os 3.774 m2 de edificabilidade total.
Actualmente, o SERGAS ocupa 1.370 m2, situados na Casa do Mar de Ribeira.
Na visita desta mañá, a xerente estivo acompañada polo director de atención Primaria, Felipe Calle e a directora de recursos económicos da Área Sanitaria, María José López Rebollo, e mantiveron unha reunión coa xefa de servizo e a coordinadora de enfermería de Ribeira, Raquel Martínez Bugarin e Ángeles Mera. Accederon ás instalacións da Casa do Mar ocupadas por Política Social para “valorar a busca de solucións temporais que permitan ampliar a capacidade do actual centro, á espera dos novos terreos para poder construír un novo centro”.
“Estes novos espazos adicionais, permitirían ampliar, temporalmente, a atención pediátrica e a área sanitaria muller”, sinalou Núñez.