O vindeiro sábado 16 de decembro a Casa da Cultura do Concello de Lousame vai acoller, a partir das 12.30 horas, a presentación do XIX volume de Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza (2023), impulsado pola asociación cultural do mesmo nome, que acompañará a presentación da revista coa celebración da gala dos XVII Premios Barbantia da Cultura 2023.
Estes galardóns, como vén sendo costume, son elixidos polo escrutinio dos votos das socias e socios da Asociación Cultural Barbantia. Por certo que o 29 de novembro remata a votación. Os votos (un nome por categoría) poden enviarse aos correos electrónicos barbantia@barbantia.es ou pastor@barbantia.es. Tamén se poden enviar ao seguinte enderezo físico: Centro Social, rúa Principal, 77, 4o Andar, 15930 (Boiro).
A cita do 16 de decembro será o gran evento anual da asociación da nosa comarca, na que se van entregar os sereos de Barbantia. As persoas finalmente distinguidas sairán como dixemos dunha listaxe na que aparecen os artistas, escritores, axentes culturais e iniciativas nomeados anteriormente polos socios e socias. Esta listaxe está formada polos seguintes nomes
Premio Barbantia 2023 á Traxectoria Cultural no Barbanza: Esperanza Mara, Xosé Luís Veiras Manteiga e Antonio Pérez Pérez.
Premio Barbantia 2023 á Iniciativa Cultural no Barbanza: Museo Valle-Inclán, Centro Arqueolóxico do Barbanza e Os Menestreis.
Premio Barbantia 2023 da Cultura Galega: Manuel Olveira, Sonia Lebedynski e Carlos Callón.
Presentación do libro sobre Carmiña Sierra
A maiores de todo o devandito, Barbantia estará este 24 de novembro no Centro Cultural Lustres Rivas do Concello de Ribeira presentando o libro Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos, de Aurora Marco, ás 20.30 h.