
Este venres 3 de novembro desenvolveuse a terceira xornada da VI edición de Mares da Fin do Mundo, Mostra Internacional de Cinema Documental, que se está a celebrar no concello de Outes ata o 5 de novembro. A mañá comezou co desenvolvemento (no Náutico do Freixo) da Mesa Proxecta, unha actividade na que se debateu A sostibilidade nos festivais de cinema no rural.

Esta mesa, moderada por Marcos Gallego (director de MDFDM), contou coa participación de Adela Lestón (mariscadora e presidenta da Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra — Ría de Muros Noia), Antonio Rodríguez (responsábel de comunicación en MDFDM), María Baqueiro (coordinadora do Pacto Cultura Sustentábel de Galicia) e Arancha Estévez (periodista especialista en sustentabilidade). A continuación, estaban programadas as saídas de navegación tradicional e inclusiva programadas no porto do Freixo, grazas á colaboración coas asociacións culturais Terra de Outes e Joaquín Vieta, así como coa Asociación ADECO–DEA, entidade que promove o deporte adaptado. Estas actividades tiveron que ser suspendidas polas previsións meteorolóxicas.

A xornada continuou pola tarde coas proxeccións de seis filmes participantes na Competición Oficial. Divididos en dous bloques, as proxeccións comezaron ás 18:00 h na Casa da Cultura de Outes. No primeiro bloque proxectáronse tres documentais: Squid Fleet, de Ed OU & Will N. Miller (Estados Unidos, 2023), unha peza que amosa a pesca da lura en alta mar, unha das prácticas máis denunciadas polos grupos ecoloxistas de todo o mundo, e a explotación dos seus traballadores; L ́Effort des hommes, de Jean Gabriel Périot (Francia, 2022), que reflexa a eterna destrutividade dos humanos sobre a natureza a través da caza de baleas, e Piblokto, de Anastasia Shubina & Timofey Glinin (Rusia/Estados Unidos, 2023), que documenta a vida dos chukchi, un pobo illado do mundo nas costas do océano Ártico, cuxa vida xira en torno á caza de morsas e baleas e a protección dos seus poboados fronte aos osos que chegan da Tundra.

O segundo bloque de competición, que pechaba a terceira xornada, comezou coa proxección de Bloom, de Helena Girón & Samuel Delgado (España, Canarias, Galicia, 2023), un filme que recupera a lenda da mítica illa de San Borondón, que historicamente situouse preto das Illas Canarias, para falar do vello desexo occidental de exploración e colonización. Mission Microbiome, de Giulia Grossmann (Francia, 2022), documenta unha viaxe científica cun equipo internacional de investigadores dedicados ao estudio do plancto nas costas de Senegal. O último filme do bloque foi MMRRSSMM… Xeosonica #1 Atlantico, de Andrés Mahía (España, Galicia, 2022), unha obra que explora os ruídos do mar, tanto os que percibimos coma os que non, cunha mirada artística e un enfoque experimental.
A Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello de Outes. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).