
Foron necesarios cinco anos de intensas negociacións, pero a reforma do réxime de control da pesca da Unión Europea xa é un feito. Esta reforma foi aprobada no Pleno do Parlamento Europeo por 438 votos favorables, 146 en contra e 40 abstencións.
A eurodeputada Clara Aguilera, portavoz socialista da Comisión de Pesca e poñente do informe, que recibiu con satisfación este informe, coida que o expedente é o máis importante da Comisión de Pesca na actual lexislatura.
Coa aprobación da revisión de control da pesca, o sector pesqueiro disporá de novas ferramentas e maior flexibilidade para cumprir esas normas da PPC (Política Pesqueira Común) contribuindo asimesmo
á sostibilidade dos recursos mariños.
Segundo as novas normas, todos os barcos deberán levar a bordo un dispositivo de seguemento que permita localizalos e identificalos a intervalos regulares. Algúns buques artesanais específicos é probable que queden exentos desta obriga ata 2030 e todas as frotas pesqueiras artesanais disporán de ata catro anos para se adaptaren a estes novos requisitos. Con esta norma nova poderán recompilarse datos máis precisos, cuestión que, sen dúbida, permitirá unha millor xestión dos recursos mariños, segundo se desprende do sinalado polo Parlamento Europeo.
Todos os buques da UE deberán rexistrarse e declarar as súas capturas dixitalmente. Serán de aplicación especialmente nos cadernos diarios de pesca, as declaracións de transbordo e as declaracións de desembarque. Os patróns ou capitáns de buques con menos de 12 metros de eslora poderán cumprimentar e presentar unha declaración simplificada ao remate da xornada de pesca, unha vez se atopen seguros no porto e antes do desembarco.
Por primeira vez tamén terán que declarar as capturas as embarcacións de recreo. Deberán facelo a través de sistemas electrónicos estabelecidos polas autoridades nacionais ou pola Comisión.
Un dos obxectivos da reforma é garantir un réxime de control simple, transparente e eficaz que garanta o cumprimento efectivo, uniforme e actualizado da PPC, se ben poderán armonizar o sistema de control e inspección pesqueira da UE, para non crear un sentimento de inxustiza entre os pescadores dos distintos Estados membros. O texto aprobado polo Parlamento dará tempo abondo -catro anos- para que o sector se adapte ás novas medidas.
En definitiva, todos os datos dos barcos de pesca serán rexistrados dixitalmente e presentados electrónicamente aos Estados membros e á Comisión Europea de xeito que desde o caderno diario de pesca ata as notas de venda, todos os datos se extenderán ao longo de toda a cadea alimentaria e estarán dispoñibles para os consumidores.
A plena dixitalización non pode estenderse máis aló do ano 2030.
Para garantir o respecto da obriga de desembarque, os buques da UE de 18 metros ou máis que podan supor un alto risco de incumprimento deberán dispor de sistema de vixilancia electrónica remota a bordo. A marxe de tolerancia mantense nun 10% por especie, e se inclúen varias excepcións para pequenas cantidades, pesca peláxica industrial e atún tropical.
Adoptado formalmente polo Consello, o Regulamento entrará en vigor 20 días despois da súa publicación no Diario Oficial, se ben van ser implementadas gradualmente varias medidas , que permitirán aos Estados membros e ás frotas pesqueiras o tempo necesario para se adaptaren.



