
Véspera de Defuntos ou día de Todos os Santos. Día de lume permanente na lareira e café na pota, para que os ausentes sempre teñan algo quente que mandar á andorga. Lume constante, con cachelas de pino e cádavos de toxo, lume azul, marelo, roxo e branco mentres o orco abandona a canfurna para, cruzando a nado a ría, achegarse ao camiño a contemplar o paso da Santa Compaña. O can ouvea á lúa e os cimeterios son candeas vivas de lembranzas de mortos que os vivos lembran en familia (quen a ten) e con pregos que nada teñen que ver coa festa pagana que celebraba -ata que o cristianismo quixo- o remate dos labores nas leiras. Foi -xa non é- festa labrega que se pechaba con caldo de fabolas, bola quente e leite callado.
Santos, noite de Santos. E Santos enchían as listaxes das Irmandades de Labradores e os rexistros das axudantías de Mariña en toda a contorna barbanzana. Santos, Santos e Santos, e non Samain nen Halloween, como agora se pretende -nun contaminado intento modernizante- facer valer nunha Galicia que, mesmo oficialmente, turra do alleo para facer valer o vocábulo Samaín.
Que hai de galego nel?.
As corredoiras e camiños da Galicia de vai 70 anos, os camiños que ostentan hoxe en día cruceiros situados pola igrexa católica alí onde había un cruce destes no que a propia curia impuña parar os enterros para rezar un responso polo defunto, están marcadas pola necesidade de facer esquecer que neses cruzamentos de camiños tamén imperaba o paganismo marcados como estaban polos “pousadoiros” dos que carrexaban ao lombo, molida polo medio, un feixe de toxos ou unhas gavelas de herbas, centeo ou millo. Pousaban e daban grazas ao espírito do sol ou da carballeira por lles permitir chegar.
Santos, sí. E Santas. Que eran nomes totalmente admitidos polo pobo galego, que tamén daba pulo á noite de santos anterior ao día de defuntos.
Samaín ou Halloween, para os que non sinten o propio e admiten o alleo para desterrar aquilo que os nosos devanceiros nunca quixeron deturpar.
Acaso molesta o que foi e debe ser noso, da nosa fala, do noso xorne?,,,
O orco na canfurna e o can de estrelas nas toxeiras poden ser imaxes dunha Galicia vella e de loito. Máis é Galicia, tanto comol a noite de defuntos.



