
O PP de Ribeira presentou dúas novas mocións para ser debatidas no pleno da Corporación, a primeira delas relativa ao Centro de Saúde e Aguiño e a segunda sobre o estado no que se atopa a estrada que vai da igrexa de Olveira a Olveira de Arriba.
Respecto da primeira moción, presentada pola concelleira Ana Barreiro, refírese ao comezo das obras de adecuación do entorno da Casa do Mar de Aguiño (Centro de Saúde), que, segundo apunta, foron xa iniciadas polo anterior Goberno. “Trátase”, sinala, “dun entorno privilexiado e a vez tamén de gran afluencia de xente, xa que o edifico, ademais de zonas de ensaio, clases e un espazo de reunión de varias asociacións do lugar, alberga o Centro de Saúde de Aguiño, ademais dun bar no seu baixo”. Así mesmo, engade, “é una zona de lecer de moitas persoas, veciños e veciñas que queren desfrutar das estupendas vistas do porto de Aguiño”. Na proposta Ana Barreiro indica que “sabemos que non é a obra fundamental da parroquia, pero queremos interesarnos por se se van a manter os criterios iniciais que deixou programado o anterior Goberno, xa que existen certas dúbidas por parte da veciñanza, que así nolo fixo saber”.
No escrito indícase que “ademais das melloras que estaban programadas no proxecto inicial como era facer as beirarrúas accesíbeis ao redor da Casa do Mar, os veciños nos fixeron chegar peticións como trasladar a vexetación da
zona verde cara a zona dos bancos, xa que daría sombra as persoas usuarias. E sobre todo aclarar si se van a conservar as zonas de estacionamento tan necesarias para as persoas usuarias do Centro de Saúde e cumprindo o co compromiso adquirido coa Confraría de Aguiño de non perder aparcamento”.
No escrito proposto ao pleno o PP lanza a seguinte pregunta: “Vai conservar o actual Executivo do Concello de Ribeira as prazas de aparcamento na reforma da contorna do Centro de Saúde de Aguiño?”
Respecto da segunda pregunta, achegada pola concelleira Carmen Pérez, o grupo interésase pola obra de acometida na estrada que vai desde a Igrexa de Olveira cara a Olveira de Arriba, que, segundo indica, “está pendente de rematarse”, así como “tamén queda pendente o asfaltado da mesma, onde existen neste momento zonas con fochancas ou ben cheas de maleza”, informan.
O grupo considera que “sería de gran importancia valorar a proposta de realización de beirarrúas nesa estrada xa que ten un elevado volume de tránsito peonil, sobre todo infantil ao atoparse as paradas de autobús escolar na estrada principal, o que os obriga a baixar a estrada a diario de forma non segura”.
E engádese: “Son numerosos os veciños e veciñas da parroquia de Olveira que nos fixeron chegar esta preocupación”.
O PP, a respecto do devandito, lanza a seguinte pregunta: “Por que non se acometeron por parte do actual Goberno o remate e execución de estas obras importantes na parroquia de Olveira?”



