O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, a concelleira de Cultura, Antía Alberte, e a técnica de Normalización Lingüística do Concello, Alicia Padín, mantiveron unha reunión con membros da Mesa pola Normalización Lingüística para a posta en común de necesidades e posíbeis vías de colaboración. Na xuntanza participou o presidente da entidade pola lingua, Marcos Maceira.

A xuntanza tivo a súa orixe na urxencia de traballar entre administracións e entidades ante o descenso do número de falantes do idioma galego. Ante esta situación, A Mesa está a achegar propostas para a promoción do uso do galego mediante campañas de divulgación e a visibilización do apoio institucional á normalización da lingua.
“É preciso establecer canles de colaboración entre tódalas entidades locais para a promoción do uso do galego” explicou Luís Pérez, quen tamén destacou a necesidade de “animar ao uso do galego no tecido socioeconómico do noso municipio”.



