O Concello da Pobra continúa a súa aposta polo servizo de conciliación nas tardes

04 Outubro 2023

A Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal puxo en marcha no pasado curso escolar o Espazo de Coidados Corresponsables co obxectivo de facilitar a conciliación nas tardes; un servizo municipal de balde, ao cal se lle dá continuidade neste 2023-2024 ao abeiro do Plan Corresponsables, financiado con fondos procedentes do Ministerio da Igualdade e xestionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Acompañada da axente da igualdade do Concello, Carolina Rodríguez, a concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, remarcou este mércores 4 de outubro “a forte aposta da Administración local por contribuír a compatibilizar vida laboral e persoal de mulleres e homes”, o cal, dixo, “exemplifícase tamén nos obradoiros de conciliación promovidos nos días non lectivos e nas vacacións do verán, ademais do Servizo de Madruga durante o período escolar”.

A dita iniciativa busca tamén fomentar a corresponsabilidade nos labores domésticos e na atención á familia a través de actividades que realizará o monitorado coas crianzas participantes, entre outras propostas de carácter lúdico con perspectiva de xénero.

Esta prestación ficará activa de luns a venres durante o actual curso escolar, dende as 16.00 ata as 21.00 horas, nas instalacións do CEP Salustiano Rey Eiras.

Dirixido a idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, o funcionamento do Espazo de Coidados Corresponsables está supeditado a un mínimo de 5 persoas asistentes diarias, mentres que o límite de prazas se establece nas 20.

Terán carácter prioritario aquelas familias coas seguintes circunstancias: monoparentais; vítimas de violencia de xénero en tódalas súas manifestacións; mulleres en situación de desemprego para realizar accións formativas e busca activa de emprego; mulleres maiores de 45 anos; e unidades familiares con persoas dependentes ao seu coidado.

O Concello explica que de non cubrir a totalidade das prazas segundo estes criterios, abrirase a participación a tódalas familias solicitantes.

Máis información no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal ou no teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 6.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.