O BNG demanda á Xunta que actúe ante o inminente colmatado do vertedoiro da Mancomunidade Serra do Barbanza

03 Outubro 2023

O BNG convocou unha rolda de prensa para demandar a Xunta que “actúe ante o inminente colmatado do vertedoiro da Mancomunidade Serra do Barbanza”. Os nacionalistas alertan do que consideran “un exemplo de inacción nunha situación crítica”.

Na rolda cos medios lembraron que a xestión do lixo na planta de Lousame depende dunha autorización administrativa da Xunta de Galicia, “que non dá chegado”, e isto malia que a empresa concesionaria advertise de que “faltan poucas semanas de prazo antes de que o vertedoiro actual estea completamente cheo, polo que se fai necesario abrir un vertedoiro provisional para poder seguir atendendo a recollida de lixo nos nove concellos dependentes da Mancomunidade Serra do Barbanza”.

Seguindo este fío, o BNG criticou tamén o que cualifica de “falta de implicación das últimas alcaldías que presidiron a planta, que non tomaron a iniciativa para dar solucións á finalización do contrato coa empresa concesionaria nin o inminente colmatado do vertedoiro”.

Na intervención ante os medios, que contou coa presenza da parlamentaria pobrense Rosana Pérez, a alcaldesa de Muros, María Lago, lembrou a importancia de convocar os órganos de goberno da Mancomunidade para “cumprir estritamente coa legalidade e que as decisións teñan toda a seguridade xurídica”. E engadiu: “Estamos nun momento crítico e o máis importante é garantir os postos de traballo e a continuidade do modelo de xestión do lixo da planta de Lousame, e para iso hai que facer as cousas dunha forma seria e correcta”.

Pola súa banda, o responsábel do BNG na xunta reitora, Ricardo Suárez, recordou “que o modelo de Serbia (Lousame) é moito máis ecolóxico e garante un mellor tratamento dos residuos que o de SOGAMA, polo que é prioritario que a Xunta dea as autorización necesarias para poder seguir xestionando o lixo en Lousame, evitando tamén que aumenten os gastos derivados aos concellos”. Así mesmo, dixo, “a Mancomunidade debe tomar as medidas necesarias para melloralo e adaptalo ás necesidades actuais”.

Ademais, a deputada do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, anunciou varias iniciativas parlamentarias para instar á Xunta a que “resolva o máis axiña posíbel a autorización para que se poda abrir o vertedoiro provisional coa maior brevidade, de forma que non haxa que enviar os residuos a outra planta”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.