O alumnado do obradoiro de carpintería da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) de Ribeira traballou na restauración do barco da rotonda de Xarás; baixo a dirección do educador Manuel Casais.

Segundo informou o Concello esta actividade pon en valor unha vez máis o importante traballo da unidade na restauración de espazos e elementos ribeirenses de gran valor arquitectónico e etnográfico. De feito, o alumnado deste obradoiro tamén traballou na restauración do pazo, dos hórreos e do mobiliario das casas na illa de Sálvora.

Fontes do Consistorio engadiron que “estas tarefas realizadas co monitorado da UAD teñen un gran valor inclusivo e integrador, e son moi positivas na rehabilitación e a reinserción dos usuarios; xa que non só ofrecen oportunidades para o desenvolvemento de habilidades, se non que tamén brindan unha vía efectiva para avanzar cara a recuperación”.




