O alumnado de cuarto da ESO do IES A Cachada e Praia Barraña participou esta semana na representación do espectáculo #2Pilgrims na Casa da Cultura de Boiro. Logo da representación teatral o alumnado interveu directamente nun coloquio sobre os temas que se tratan no espectáculo, buscando a reflexión do alumnado.

O espectáculo, protagonizado por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo e dirixido por Alex Sampayo, busca concienciar ao público xuvenil en materia de igualdade, novas masculinidades e o acoso nas redes sociais cunha linguaxe dinámica na que se mesturan distintas disciplinas como as vídeo-proxeccións ou a música en directo.
Os obxectivos desta proposta son “achegar o teatro á mocidade, promover o uso do galego nun contexto lúdico, estimular o pensamento diverxente, a observación, compresión e actividades emocionais e propiciar unha análise crítica”. Ademais diso buscase promover a educación en valores, favorecer a comprensión do que supón o machismo, favorecer a empatía entre mozos e mozas e cuestionar o mito do amor romántico.



