O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, acompañado da concelleira María Outeiral, fixo balance dos cen primeiros días de Goberno e dos proxectos que están encamiñados para os vindeiros meses. Segundo sinalaron na presentación do balance e da folla de ruta para o que queda de ano e para 2024, “foron semanas de traballo eficiente de planificación e de sentar os prazos das principais liñas de traballo a seguir durante a lexislatura”, que, como lembraremos veu acompañada de facianas novas e dunha reordenación das atribucións e competencias.

E engadiron: “Para nós é fundamental os servizos que se prestan á cidadanía e seguir mantendo unha coordinación entre departamentos e entidades, por iso é importante o traballo interno no novo reparto de áreas, que nos vai permitir facer un traballo moito máis áxil e eficiente”, afirmou María Outeiral, apuntando que “a toma de contacto dos concelleiros coas súas novas áreas foi moi importante nestes primeiros meses para dar continuidade aos proxectos iniciados e comezar outros novos”.
Segundo apuntou o rexedor, “o traballo do día a día cambiou coa chegada de novos concelleiros e concelleiras ao Goberno, algúns deles novos neste ámbito, polo que se tiveron que facer coas áreas designadas e coñecer o traballo que se viña facendo”, recoñeceu o alcalde na presentación, que sinalou que a aprobación do orzamento municipal ou o traballo en materia de melloras para o persoal municipal foron as prioridades destes primeiros meses.
“No primeiro pleno desta nova lexislatura conseguimos aprobar o Orzamento de 2023 e estamos a traballar xa no de 2024 para que poida entrar en vigor unha vez comezado o ano. Coa subida de prezos deste último exercicio contar cun orzamento actualizado ás necesidades actuais dun Concello é fundamental”, afirmou Romero. O presuposto aprobado ascende aos 16.857.670 euros, “o que supón un aumento do 16,10% con respecto ao último”, comentou, ao tempo que puxo o foco noutro dos avances importantes: o traballo en materia de persoal. “Neste ano concluímos un proceso de estabilización de emprego co nomeamento de 106 persoas como persoal laboral fixo, resultado de 53 procesos selectivos, e agora estamos a traballar co departamento de persoal e o comité de empresa para elaborar unha relación de postos de traballo actualizada”.
En materia de persoal nestes primeiros cen días de Goberno aprobouse a Oferta de Emprego Público do ano 2023 coa que se convocan oito prazas, catro do policía, unha de oficial de policía, un técnico/a de contratación, un conserxe mantedor/a e un educador/a familiar. No primeiro pleno desta lexislatura aprobouse tamén a sinatura dun convenio coa AGASP para axilizar os procesos de contratación de policías locais. “A falta de persoal é un problema que nos limita o traballo diario, por iso o noso obxectivo é actualizar a RPT e cubrir as prazas vacantes por xubilacións”, recoñeceu o alcalde.
Outro dos eixos fundamentais do Goberno local é a aposta polo sector económico e empresarial a través da formación. Romero adiantou que“o obxectivo é seguir formando xente, creando man de obra cualificada acorde aos sectores produtivos do municipio e a comarca e apostando polo emprendemento e a creación de empresas”. Segundo anunciou, nestas vindeiras semanas comezarán no Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira distintas actividades formativas como un novo Obradoiro de Emprego Medioambiental en Forestal e Xardinería, co que se van formar 20 persoas, e tamén accións formativas para desempregados nas especialidades de cociña, servizos de bar e cafetería e atención sociosanitaria a persoas no domicilio.
“O traballo é o verdadeiro motor dun municipio e queremos seguir apostando por que as empresas se asenten en Boiro”, recoñeceu o alcalde, engadindo que “un dos principais obxectivos desta lexislatura pasa por lograr a ampliación do Polígono Industrial, que neste momento atópase esgotado”. Para iso dende o Concello “estamos a manter contactos con distintas entidades para ver as opcións máis viábeis e poder contar con novas bolsas de terreo industrial”.
Estes primeiros meses de lexislatura mantívose a actividade en materia de licitacións en obras e servizos. Leváronse a cabo obras no parque empresarial para a mellora da iluminación e a infraestrutura viaria, unhas actuacións que ascenden aos 113.603 euros e que teñen como finalidade. Completouse a adxudicación das obras de Rehabilitación da capela do Pazo de Goiáns, unhas actuacións coas que se vai seguir completando a rehabilitación dos edificios anexos da finca de Goiáns e que ascende aos 91.019 euros.
En materia de inversións o rexedor destacou a importancia dos fondos Next Generation: “na lexislatura anterior comezamos a execución de actuacións en materia de dinamización e modernización comercial e agora imos levar a cabo a ampliación e mellora da Casa da Cultura de Boiro”. As actuacións, dun importe de 2,6 millóns de euros contarán co financiamento de fondos do Estado do Plan de Recuperación.



