Ana Pontón reclamará ante o Parlamento e a Xunta a solución urxente das principais demandas de Ribeira

19 Outubro 2023


A portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, visitou este xoves 19 de outubro o Concello de Ribeira para reunirse co alcalde Luís Pérez. No encontro de traballo, Pontón puido coñecer polo miudo os principais asuntos que ocupan ao Goberno municipal e ambos intercambiaron opinións sobre cuestións que afectan directamente ao municipio, como por exemplo a situación da sanidade, o transporte público ou o benestar social da cidadanía.

Luís Pérez e Ana Pontón nunha imaxe de Alba Cambeiro (Concello de Ribeira)

No tocante á sanidade pública, Pontón comprometeuse a levar ao Parlamento a cuestión da falta de persoal tanto no Centro de Saúde de Ribeira como no de Corrubedo. “A falta persoal sanitario supón peor atención aos veciños e veciñas” afirmou. Ambos reivindicaron a necesidade de dotar de máis recursos materiais e humanos a tódolos centros sanitarios “para garantir unha atención de calidade”.

Luís Pérez puxo sobre a mesa, tamén, a cuestión da futura residencia pública de maiores, na antiga discoteca Hestakurva, “de cuxa tramitación non sabemos nada a día de hoxe a pesar da nosa petición á Consellería para manter unha reunión que permita avanzar o proxecto”. Neste sentido, Pontón destacou que instará ao Goberno galego a que aclare en que momento está a elaboración do proxecto de construción e licitación.

Doutra banda, falaron da escola infantil para Aguiño, anunciada pola Consellería de Política Social en maio de 2023, e do proxecto do Parque Empresarial do Barbanza, declarado de incidencia supramunicipal polo Goberno galego. “É preciso dar resposta canto antes ás necesidades de solo industrial na comarca do Barbanza para xerar emprego e dinamismo económico” destacou Luís Pérez.

En relación á situación do transporte, Luís Pérez destacou que “é inaceptábel que haxa alumnado que chega tarde ás clases ou ás súas casas porque non hai prazas de abondo no servizo de bus escolar”. Pola súa parte, Ana Pontón reafirmou que trasladará á Xunta os problemas co transporte regular e escolar, xa que “ten que solucionar esta cuestión de inmediato”.

A líder do BNG puxo o foco en que “faltan frecuencias e horarios acaídos para facilitar a mobilidade da veciñanza entre parroquias, para ir ao hospital ou para desprazarse dentro do ámbito da comarca”. Cualificando esta situación de “inaceptábel”, Pontón subliñou a necesidade de que “a Xunta non siga mirando para outro lado ante os problemas que ten este concello e aporte solucións”.

“Un Goberno local que constrúe unha Ribeira con futuro”

Con esta visita institucional, Pontón quixo coñecer de primeira man os asuntos máis urxentes en Ribeira e trasladar ao alcalde Luís Pérez, todo o apoio do BNG ás demandas do concello. Ademais, describiu a Pérez e ao seu equipo como “un Goberno local que traballa de maneira unida, con capacidade, pensando para facer de Ribeira un concello mellor, e sentando as bases dunha Ribeira con máis futuro”.

“Non pode haber unha sanidade pública de segunda para a veciñanza de Ribeira, non pode haber promesas incumpridas en materia de benestar social coa veciñanza de Ribeira, e a veciñanza de Ribeira tampouco ten que padecer as deficiencias que existen hoxe en día en materia de transporte público na vila”, concluíu Pontón. Fronte a isto, volveu amosar o seu compromiso de “levar todos estes asuntos ao Parlamento galego para que o Goberno do PP actúe xa de xeito xusto e a favor de Ribeira”.

O rexedor agradeceu a Ana Pontón a súa visita e o seu respaldo, e entregoulle a modo de agasallo varios libros sobre historia e cultura local de Ribeira.

Ana Pontón co equipo do Goberno pertencente á agrupación local do BNG

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...