O proxecto da reforma do bordo portuario da vila de Porto do Son, impulsado polo Concello e a Xunta para devolver á localidade os seus vínculos co mar e ao tempo que se puxo o foco en humanizar a contorna, segue a obter importantes recoñecementos. Logo do Premio da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU), XVI edición, na modalidade de rehabilitación, a recuperación portuaria da vila proclamouse como gañadora na categoría de cidade e paisaxe dos Premios FAD, fallados en Barcelona.

O proxecto, desenvolvido por Juan Creus e Covadonga Carrasco e r v r arquitectos (Marcial Rodríguez, José Valladares e Alberto Redondo), foi cualificado polo xurado como unha iniciativa con “capacidade para recuperar as conexións históricas entre a localidade, a súa natureza e os seus costumes co mar”. Tamén se destacaron as súas contribucións para paliar o deterioro do litoral e poñer nun segundo plano o predominio do tráfico, poñendo en xogo unha diversidade de espazos para a cidadanía.
Os Premios FAD chegaron este ano á súa convocatoria número 65. Gozan de carácter internacional e desta volta recibiron case medio milleiro de proxectos realizados en España e Portugal.
O premio foi recollido polo arquitecto Juan Creus.




