
Entre a medianoite e o mediodía, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias rexistrou 137 incidentes relacionados cos efectos do vento e a chuvia, que afectan a toda a comunidade galega.
Os máis frecuentes tiveron que ver coas estradas, nas que os servizos de emerxencias interviñeron pola presenza de árbores e pólas (45), terra e pedras (29) ou bolsas de auga e anegamentos (24).
Ao longo do día de hoxe, as vías de comunicación galegas rexistraron diversos accidentes ligados ás condicións climáticas adversas: en Ponteareas, un particular informaba ás 7:50 horas de dous vehículos que colidiron contra unha árbore que caeu na N-120, en Xinzo. Ningún dos ocupantes resultou ferido.
Un aviso similar chegaba ao 112 Galicia ás 10:45 horas, cando un camioneiro chamou para explicar que unha árbore acababa de caer enriba do parabrisas do seu camión na A-55, ao seu paso por Atios (O Porriño). Por fortuna, tampouco resultou ferido.
Horas antes, durante a madrugada (3:45 horas), unha furgoneta saíuse da vía debido a unha bolsa de auga no quilómetro 151 da AP-9, en Redondela. O implicado resultou ileso. E pasadas as 10 horas da mañá, outro condutor perdeu o control do seu vehículo pola presenza de auga na vía, quedando atravesado na AP-9, en Santiago.
No 112 recibíronse tamén diversos avisos por estradas anegadas en concellos como Gondomar, A Mezquita ou O Rosal.
Os derrubamentos máis importantes producíronse en Castrelo do Val e en Lobios. No primeiro lugar, a caída de terra e pedras procedente do monte taponou a OU-114 por completo á altura de Campobecerros. Un particular alertou ao 112 Galicia dez minutos antes das 11 horas. Por outra banda, os membros do GES de Lobios tiveron que cortar unha estrada municipal en Xendive, xa que se estaba a afundir.
No Carballiño, un condutor chamou ás 7:30 horas ao 112 Galicia para indicar que levaban varias horas atrapados nunha pista de terra. Neste caso, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a intervención dos axentes da Policía Local.
Durante o día de hoxe abundaron os anegamentos en vivendas (9) e as actuacións dos servizos de emerxencias para evitar riscos maiores (8), como o apuntalamento de muros ou a retirada temperá de vexetación, por exemplo. O aviso máis destacado neste sentido rexistrouse en Vigo (9:30 horas), onde se anegou a zona de vestiarios do estadio de Balaídos.
A provincia de Pontevedra resultou a máis afectada polos efectos da meteoroloxía adversa, con 63 incidencias, seguida da Coruña, con 31; Ourense, con 26; e Lugo, con 15.
En canto aos concellos, na Coruña destacan Santiago (4) e Ortigueira ou Arteixo, con dúas incidencias cada un. En Lugo, Begonte rexistrou tamén dúas. Na provincia de Pontevedra, Gondomar suma oito, polas seis de Vigo ou O Porriño. Por último, Lobios e Laza sobresaen en Ourense, con cinco e catro casos respectivamente.
A Xunta de Galicia activou o Plan Inungal para vixiar o aumento dos niveis dos ríos ante posibles desbordamentos
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior vén de activar o Plan Especial ante o Risco de Inundación en Galicia (INUNGAL), polo posible desbordamento dos ríos Tea (en Ponteareas e Bouza do Viso), Louro (O Porriño), Tamuxe (O Rosal), Arnoia (Baños de Molgas), Caldo (Bubaces) e Támega.
A información recibida a través dos sistemas de control e seguemento apuntan a que estes ríos presentan un crecemento significativo dos seus caudais, o que podería conducir a desbordamentos puntuais.
A pesar das intensas chuvias que afectan a toda a comunidade, e especialmente ás provincias de Pontevedra e Ourense, a esta hora non se rexistraron incidencias de consideración no entorno dos ríos que se atopan baixo observación.
En todo caso, podemos destacar as chamadas de particulares que indicaban que a auga chegaba ata o acceso de varias vivendas na zona de Mondariz, sen illar aos seus ocupantes. Ademais, o 112 Galicia recibiu aviso de tres inmobles cuxo acceso permanecía cortado polo aumento do caudal do río Tamuxe, no municipio pontevedrés do Rosal.
Desde o 112 Galicia recórdase a necesidade de incrementar a precaución nas contornas de pontes ou torrentes, pois poden xurdir dificultades na circulación.



