
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, colaborará co Concello de Porto do Son para reforzar un noiro (talud) na estrada AC-550 e un camiño municipal no lugar de Lamas-Abuín. Intervirase na marxe esquerda da vía, na parroquia de San Pedro de Baroña, no acceso a varias parcelas situadas en Lamas, Loncras e Toxodelo.
Segundo explicaron Xunta e Concello, a intervención suporá un investimento que roldará os 43.000€ e será financiada integramente pola Consellería, que tamén contratará e executará as obras.
O Concello porá á disposición os terreos necesarios e asumirá a explotación, mantemento e conservación das obras realizadas.
Proponse a execución dun muro de contención da estrutura actual do noiro afectado polas choivas, que desaconsella na actualidade o uso do camiño agrícola polos propietarios das parcelas desa zona polo risco de escorregas.



