A caída de árbores segue a ser a incidencia máis repetida entre as 435 incidencias rexistradas ata esta media tarde

19 Outubro 2023

Desde as 12:00 horas deste mediodía ata as 18:00 horas, o 112 Galicia suma 85 incidencias contabilizadas. Así, ata as seis desta tarde as incidencias rexistradas a causa dos sucesivos episodios adversos motivados polo vento e a choiva, suman un total de 435.

Por provincias, a de Pontevedra, neste momento, está sendo a máis afectada con 193 incidentes xestionados, segue a da Coruña con 189, a de Lugo con 45 e finalmente a de Ourense con 27 incidencias contabilizadas. Cómpre sinalar que, aínda que a da Coruña ocupaba o 1º posto, desde o mediodía ata esta media tarde, a provincia de Pontevedra rexistraba 48 incidencias e 21 a da Coruña.

Con todo, subliñamos que a caída de árbores e pólas nas estradas segue a ser a tipoloxía mais repetida (149), inundacións e bolsas de auga en estradas (71), prevención de riscos (54), asolagamentos en rúas (42) e (19) asolagamentos en vivendas.

Os concellos máis afectados seguen a ser os de Santiago (27) e o da Coruña (8), no caso da provincia da Coruña. Na de Pontevedra destacan o de Vigo (24), Pontevedra (13) e o de Tui (9). Os concellos do Barco de Valdeorras e o do Carballiño suman (3) cada un deles, na provincia de Ourense e outros (3) para os concellos de Friol, Ribadeo e Ribadavia na provincia de Lugo.

En canto ás incidencias destacadas, por fortuna, non constan no 112 Galicia. Aínda así, subliñamos un accidente sen feridos rexistrado esta mañá no quilómetro 29 da AP-9F, en Fene. Un turismo sufriu unha saída de vía por mor dunha bolsa de auga na estrada o que provocou que colidira contra a mediana. Tamén, no concello pontevedrés do Grove, unha árbore caía entre un campo de fútbol e un parque infantil. Tampouco houbo que lamentar danos persoais. A caída da árbore arrastrou os cabos do alumeado público. Acudiron os efectivos de Protección Civil para acordoar a zona.

En Maside (Ourense), sobre as dúas deste mediodía, os Bombeiros do Carballiño acudiron a achicar auga un garaxe particular, na rúa Fontela. Foi o dono da vivenda quen chamou ao 112 Galicia para informar de que o regato do Varón se desbordaba e, como consecuencia, o garaxe se estaba anegando.

Ás 17:43 horas desta tarde, en Becerreá, na A-6, quilómetro 450, un desprendemento de terra e pedras na calzada alcanzou un turismo que rematou envorcado. O condutor non resultou ferido, mesmo puido saír polo seu propio pé do vehículo. Foi o mesmo condutor quen chamou ao 112 para pedir axuda a través do sistema de alerta ECall, aseguraba que non podía saír do vehículo. Acudiu o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Sarria, axentes de Tráfico e o persoal do servizo de mantemento da vía. Os Bombeiros indicaron ao 112 Galicia que o desprendemento ocupa toda a estrada, de feito, neste intre, os profesionais seguen a traballar no punto co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía. 

Por outra banda, en Soutomaior, en Arcade, a corrente do río Verdugo arrastrou unha embarcación de madeira. Así o indicaba o persoal da confraría de Arcade ao 112 Galicia, ao fío das dúas e media do mediodía. Os xestores do 112 informaron do suceso ao persoal de Salvamento e do Servizo de Garda Costas de Galicia, así como á Policía Local e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Pregamos moita precaución no mar, nas vindeiras horas un aviso de alerta de nivel vermello afectará ao litoral das provincias da Coruña e Lugo. No resto do litoral o nivel de alerta será laranxa. Igualmente, tamén o vento soprará con forza no Noroeste da Coruña e na Mariña lucense.

Outros artigos

Mércores 28, xornada de tempo seco e máximas en ascenso

A metade oeste concentrará a maior parte da nubosidade, mentres que os termómetros gañarán graos durante as horas centrais do día. A comunidade galega vivirá este mércores unha xornada marcada polo tempo seco e un ascenso moderado das temperaturas máximas, como...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.