O proxecto da Aula Sostible do Freixo, emprazado na antiga aula unitaria da localidade e impulsado pola Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra-Ría de Muros-Noia, ADISBISMUR, A Creba, Misela e o Concello de Outes, no marco de traballo do grupo GALP Costa Sostible, recibiu esta semana o premio de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

O xurado valorou moi especialmente as distintas vertentes deste proxecto, que tanto axuda ao coidado do medio mariño coa recollida de lixo, como colabora eficazmente na inclusión social e laboral de persoas con capacidades especiais, quen dan a eses materiais de refugallo unha segunda vida con novos usos.
Adela Lestón, presidenta da Asociación de Mulleres da Costa Sostible e Mónica Duarte, unha das traballadoras deste proxecto, recolleron o galardón de mans de María Isabel Artime, secretaria xeral de Pesca.
A aula despegou en xaneiro de 2022, dende as instalacións da Escola da Moa e contando cun investimento inicial de 50.000 euros, financiados polo GALP (GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia. Costa Sostible).
O servizo e as súas instalacións destínanse a centro de transformación do lixo plástico mariño e a actividades relacionadas co medio ambiente, abertas á veciñanza de Outes e da comarca.



