Esta finde celebrouse a primeira xornada da Regata Alca onde a falta de vento foi protagonista e obrigou a atrasar a saída unha hora.
En concreto, a saída da primeira manga da xa tradicional Regata Alca do Club Náutico Arousa Norte (A Pobra), deuse cun atraso dunha hora debido á ausencia case total de vento. Á hora prevista para o comezo da singradura apenas dous nós obrigaban ao comité de regatas a izar o sinal de aprazamento. Finalmente, ás 15.00 cun vento do 200 e unha intensidade duns 8 nós púidose dar a saída nas inmediacións da Ostreira.

Con estas condicións decidiuse por un percorrido máis curto do habitual entre balizas polo interior da ría con pasos obrigados polo sinal do Ter e do Moscardiño para finalmente cruzar a liña de chegada nas inmediacións da enseada do Caramiñal, onde o vento xa baixou ata uns escasos 5 nós.
Na clase ORC A o primeiro posto foi para o Ziralla, de Ramón Barreiro, que tardou pouco máis dunha hora en realizar o percorrido. O segundo nesta clase foi para o vilagarcián Santanas, de José Manuel Millán e terceiro posto para o local Chispetrén.
Na clase ORC B un sorprendente Mauritania , de Ángel Romasanta, representando ao club organizador, fíxose co primeiro posto desta clase que se presume moi igualada. Segunda foi a embarcación do Náutico de Ribeira A Píllara, que unha vez máis demostrou que con pouco vento é un duro rival.
O Fixius, de RCR de Galicia, realizou unha espectacular regata e dominou a clase ORC C desde o principio. O segundo e terceiro posto foron para o Orlando e o Galopín, que despois da compensación de tempos quedaban tan só separados por un segundo.
A segunda proba da Regata Alca, celebrarase o próximo 23 de setembro.



