Este domingo 24 de setembro temos unha cita de erradicación de eucaliptos en Froxán, Lousame, como parte das actividades da campaña 12 meses, 12 invasoras, impulsada dende Verdegaia co obxectivo de visibilizar o problema ambiental que supoñen as Especies exóticas invasoras (EEI).

Este mes de setembro Verdegaia adícao ao eucalipto (Eucaliptus globulus), seguramente a especie invasora por antonomasia na Galiza, unha árbore orixinaria de Australia e que no noso país atopou unhas condicións óptimas para expandirse: solos con moita auga, clima temperado e, sobre todo, a avaricia de propietarios e administracións dispostos a sacrificar o bosque galego por beneficios rápidos e cómodos.
Os efectos negativos do eucalipto son moi variados, segundo lembra a asociación: “Ademais dos efectos amplamente coñecidos como o consumo excesivo de auga ou que favorece a expansión dos incendios forestais hai outros menos mediáticos, pero igual de desastrosos, como a alteración que provoca ás propiedades físico-químicas, bioquímicas e microbiolóxicas do solo conducindo a unha diminución da diversidade de invertebrados, fungos, liques, plantas e incluso de anfibios e aves”.

Ademais, polo modo en que é explotado pola industria madeireira, fragmenta os espazos naturais, coloniza espazos abertos e aumenta o risco de incendio.
No último domingo do mes realizarase en Froxán unha actividade en colaboración con Montescola en Froxán (Lousame) dentro do programa das Brigadas Deseucaliptizadoras, unha iniciativa que promove accións de restauración ambiental en áreas con valores ambientais degradados ou ameazados pola eucaliptización. Os traballos realizaranse en terrenos de Montescola adquiridos co apoio da Deputación da Coruña.
Programa
Pola parte da maña celebrarase a roga na que aprenderanse as diversas técnicas para combater a expansión do eucalipto e teremos a posibilidade de poñelas en práctica. Ás 14.00 finalizaranse os traballos e, as persoas voluntarias que poidan quedar, poderán gozar dun xantar ofrecido pola organización. Da parte da tarde explicarase o segredo do éxito da iniciativa que naceu en Froxán hai agora cinco anos, rematando a xornada sobre as 19:00.
