Finalmente foron multitudes de persoas as que se mobilizaron esta fin de semana para participar na XVI edición da Limpeza Simultánea do Proxecto Ríos (ADEGA). Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñan o mesmo obxectivo: coidar os ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados. Pola nosa comarca, participaron Rianxo e Lousame a través da Asociación de Veciños de Araño e a Fundaçao Montescola, respectivamente. Os primeiros baixaron ao río Te para despexalo de todo tipo de refugallos, moitos deles contaminantes. Conseguiron apañar 140 quilos de lixo. O grupo estaba formado por unha ducia de voluntarias e voluntarios. Polo que se refire á participación de Lousame, aínda non se compartiron datos sobre os residuos recollidos.
A listaxe de entidades participantes xa foi subida á Rede.

A xeira de limpeza simultánea levouse a cabo en 52 concellos de toda a xeografía galega. En cada localidade a actividade foi coordinada por diferentes entidades, dende asociacións ecoloxistas, culturais… até fundacións, centros de ensino e concellos, cun total de 68 entidades involucradas. Segundo lembran dende ADEGA, nalgúns concellos mesmo participaron varias asociacións na limpeza de diferentes ríos, como foi o caso de Gondomar, Verín, Tomiño ou Santiago de Compostela, entre outros.
Desta volta recolléronse refugallos moi variados, e coma sempre abundaron os plásticos: botellas,
garrafas, bolsas, sacos… Apareceron rodas, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, móbeis, ferralla, sinais de tráfico, entullos, tixolas, deshumificadores… Retiráronse uralitas, roupa, calzado, etc.
As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron aparecer en abundancia xunto coas compresas e tampóns, e como non, múltiples máscaras. “É preciso reflexionar sobre o uso destes artigos, e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos e contaminan os cursos fluviais e as ribeiras”.

No reconto, os residuos de todos os concellos suman máis de 6 toneladas, pero, segundo advertiu ADEGA, “debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este”, xa que “o voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración”. E engaden: “Somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade; o voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta”.
Proxecto Ríos é un proxecto promovido por ADEGA dende o ano 2005 e financiado por Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Para esta actividade contamos coa colaboración dos concellos da Estrada, Ames, Ares, Cangas, Carballo, Fene, Foz, Gondomar, Meis, Moaña, Nigrán, Pontevedra, Ponteareas, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, San Sadurniño, Soutomaior, Tomiño e Verín.
Proximamente publicarase na web: www.proxectorios.org e na web específica da limpeza, https://limpeza.proxectorios.org/ un informe coas conclusións finais desta actividade.



