Rosana Pérez acusa á Xunta do PP de “permanecer cos ollos pechados e inoperante” diante da contaminación de San Finx

27 Setembro 2023

Rosana Pérez, deputada pobrense do BNG, interveu este mércores no Parlamento para esixir ao Goberno do PP que “de maneira inmediata anule o permiso á concesionaria da mina de San Finx (Lousame) para verter ao río Pesqueira catro millóns de metros cúbicos de augas residuais”. Nunha pregunta á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, emprazou ademais á Xunta a “suspender a actividade da empresa mentres non se leve a cabo un estudo de impacto ambiental”. Nun plano máis específico, pediulles o establecemento “de todos os mecanismos necesarios para paralizar as verteduras e, sobre todo e en cumprimento da Lei de Responsabilidade Medioambiental, impoñer medidas de prevención e de reparación de danos por parte da empresa”, reclamou a deputada nacionalista.

Pérez dixo que a explotación mineira é un perigo “do que se leva alertando dende hai anos pero que agora se corrobora tamén coas análises feitas por Augas de Galiza que amosan, augas abaixo das balsas da mina, niveis de cadmio 78 veces por enriba dos máximos permitidos, 48 veces máis de cobre e 8 no caso do cinc”. Trátase, dixo, “dunha contaminación que a Xunta recoñeceu por primeira vez máis que se leva denunciando dende o 2015 e diante da que permaneceu cos ollos pechados e totalmente inoperante”.

Rosana Pérez acusou á Xunta de non reclamarlle á empresa o estudo de impacto ambiental ao que obriga a lei “sendo cómplice de que as sucesivas concesionarias esquivasen as súas responsabilidades sobre a recuperación ambiental da contorna da mina e sobre o gravísimo problema, entre outros, que supoñen as balsas de residuos contaminantes”.

Reprochou ademais á conselleira que a Xunta non esixa ningún aval para a actividade da mina, agora en mans dunha empresa recentemente creada “cun capital de 3.600 euros e co mesmo domicilio, que casualidade, no que residen os administradores da empresa anterior que o que buscou coa venta foi desfacerse de calquera responsabilidade”, ironizou. Denunciou, neste sentido, que a empresa non podería facer fronte á súa responsabilidade “no caso de danos aínda máis severos” .

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.