A edición oitava da iniciativa conxunta de emprego impulsada dende os Concellos de Ribeira e Porto do Son vén de chegar ao seu broche de ouro. O alcalde Ribeira, Luís Pérez, a concelleira de Emprego, Genoveva Betanzos, o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, e o concelleiro de Persoal e Administración do Concello de Porto do Son, José Manuel Deán Pouso, entregaron este xoves 28 de setembro os diplomas ao alumnado do Obradoiro Dual de Emprego Tahume VIII.

A iniciativa é un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas, subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e co-financiado polo Ministerio de Traballo e Economía Social, e, como dixemos, promovido polo Concello de Ribeira xunto co Concello de Porto do Son.

As especialidades que se impartiron este ano foron as de Operacións básicas de cociña e pastelería e Confección e montaxe de artes e aparellos.
A concelleira de Emprego, Genoveva Betanzos, agradeceu ao alumnado e profesorado a súa “dedicación, esforzo e compromiso durante o período de formación”.
O alcalde Luís Pérez quixo tamén recordar que o vindeiro ano terá lugar o Obradoiro de Emprego Tahume IX para a formación nas especialidades de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.




