A Consellería de Medio Ambiente fixo balance da actividade xerada polo Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia en materia de visita, durante a tempada alta de verán. Neste período, sinálase, máis de 460.000 persoas acudiron aos diferentes enclaves do Parque, segundo se recolle no Plan reitor de uso e xestión deste espazo natural se estende cada ano do 15 de maio ao 15 de setembro.

Así o avanzou este martes 19 de setembro a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, visitou a illa de Cortegada para achegar os detalles do dito balance e para mostrar os datos dalgunhas das actividades e iniciativas nas que colaborou o seu departamento.
Segundo dixeron, “ao dito balance estacional cómpre sumar o feito de que desde xaneiro xa son máis de 480.000 as persoas que pasaron por algún dos catro arquipélagos que conforman o Parque Nacional, polo que, de manterse este ritmo ata final de ano, a previsión é que se volva bater un novo récord de afluencia, como xa ocorrera en 2022, ao superarse as 490.000 visitas”.
Nesta liña, a vicepresidenta salientou que os meses do verán seguen concentrando a maior afluencia ás Illas Atlánticas, cun incremento este ano do 5,1% respecto ás cifras do mesmo período do ano anterior e confirmando de novo a Cíes e Ons ao fronte da clasificación en canto ao número de visitantes —con 303.258 e 132.998 persoas, respectivamente—, seguidas de Sálvora (Ribeira), con 16.059.

En todo caso, tal e como destacou Ángeles Vázquez, foi Cortegada, con 8.100 visitas rexistradas entre maio e setembro, “a illa na que máis se incrementou este ano a afluencia, cunha suba do 19,1%”, dixo, engadindo que “esta tendencia indica un interese crecente polos arquipélagos tradicionalmente menos coñecidos, como é o caso de Cortegada, do que a vicepresidenta destacou tanto as actividades educativas como de voluntariado ambiental que se desenvolven todo o ano.”
Ao respecto, lembrou que, precisamente, a pasada fin de semana unha decena de persoas de idades moi diversas coincidiron nesta illa para participar nunha das accións organizadas no marco do Programa de voluntariado ambiental interxeneracional, que en 2023 celebra a súa terceira edición consecutiva.
Por último e xa de cara ao futuro, a vicepresidenta avanzou que o vindeiro mes de outubro a Xunta comezará unha actuación de retirada de eucaliptos en Cortegada que se verá completada nunha segunda fase coa plantación de especies arbóreas na illa como reforzo ao proceso de rexeneración natural da zona.