O Grupo Municipal do Partido Popular de Ribeira quere expresar a súa máis rotunda repulsa polas acusacións vertidas contra o anterior Goberno por parte do Tripartito en relación ao suavizado da Curva da Muíñeira en Campos (Carreira): unha actuación da que o actual Executivo afirma que “carecía dos fondos necesarios para rematalo”, algo rotundamente falso.
Como proba, achégase copia do convenio subscrito o 18 de outubro de 2022 entre o anterior alcalde Manuel Ruiz e a concelleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (e presidenta do Instituto Galego de Vivenda e Solo), Ángeles Vázquez, en virtude do cal o Concello percibiu 533.709,73 euros con cargo ao fondo de cooperación do IGVS para a mellora e reordenación dese espazo público e rehabilitación de varios inmobles situados nesa curva. Esta firma tivo lugar despois de que o pleno da Corporación aprobase por unanimidade o 30 de maio de 2022 esta intervención e máis o derrubo de dous inmobles na rúa Romero Ortiz, neste último caso cun segundo convenio por valor de 156.594 euros.
A día de hoxe, e tal como foi informada a veciñanza, no que se refire á Curva da Muiñeira, o pasado mes xuño procedeuse co derrubo dun inmoble (o situado no número 28), e dos 533.709,73 euros citados unicamente foron empregados arredor de 50.000 euros.
Uso partidista da web e das redes sociais: “Con tal de desacreditar e minusvalorar o legado que deixou o anterior Goberno do Partido Popular, o alcalde Pérez Barral é capaz incluso de mentirlles aos veciños da forma máis obscena”, afirmou a voceira do Grupo Municipal Popular, María Sampedro, quen tamén quixo denunciar o “nauseabundo uso partidista” que o Goberno Tripartito está a facer de forma reiterada da páxina web e das redes sociais do Concello, demostrando a máis absoluta falta de ética.
Así, o último exemplo é o suavizado da Curva da Muíñeira, no que nos textos publicados na web institucional e compartidos en Facebook e Instagram afirma literalmente que “o actual goberno puido comprobar que o goberno anterior fixo moita propaganda (…) e carecía dos fondos necesarios para rematalo”.
A este respecto, o Grupo Municipal Popular cuestiona incluso a legalidade de que se estean a destinar recursos técnicos, económicos e humanos da Administración Municipal para atacar e difamar a un dos grupos da Corporación, sendo ademais o maioritario con dez dos 21 concelleiros que a conforman.
Resulta irónico por outra parte que acusen ao anterior Executivo de facer “moita propaganda” cando iso é o que precisamente está facer o novo Goberno, cun grao de exposición fotográfica sen precedentes por parte dos seus membros, que incluso sacan peito de iniciativas xestionadas e logradas polo Partido Popular como por exemplo as estacións de reparación de bicicletas, ou se retratan en vídeos a conta dos desbroces mentres moitos veciños de sitios como Artes, Corrubedo ou A Ameixida seguen agardando a que lles limpen as cunetas.




