
A nosa comarca segue a ser este ano un referente en nova arquitectura e urbanismo de vangarda. Ao recoñecemento obtido pola reforma da dársena portuaria de Porto do Son na Bienal Española súmase tamén a distinción acadada polo Museo de Ciprián en Outes, actual Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira, no mesmo certame estatal, na modalidade de rehabilitación. O premio, en palabras do Concello (impulsor dun proxecto que foi impecabelmente materializado por Fuertes Penedo Arquitectura), “trátase dun orgullo para o pobo de Outes”.

O Estaleiro do Ciprián, é obra de Fuertes Penedo Arquitectos, estudio con centros de traballo na Coruña e Vigo. A entidade responsábel da intervención (inaugurada en febreiro) foi o Concello de Outes, que quixo pór en valor o espazo (para transformalo nun museo dedicado á carpintería de ribeira) e reivindicar a longa e rica tradición construtora de barcos da contorna litoral outense e da súa contorna.

O xurado da Bienal destacou o relevante obxectivo de recuperación histórica que acompaña ao proxecto e lle serve de alicerce: “Galicia contou con máis de cen estaleiros tradicionais ao longo da costa, pero na actualidade unicamente quedan dez en pé.

O encargo para a rehabilitación do estaleiro tradicional de Ciprián nace a finais do ano 2018, atopándose o inmóbel nun avanzado estado de ruína. Con este proxecto púxose en valor unha edificación senlleira do patrimonio marítimo do bordo litoral de Outes, erguida a finais do século XIX e construída en madeira, granito e tella aproveitando os recursos locais así como técnicas construtivas propias da carpintería de ribeira”.

E continúa: “Incorporando un novo uso cultural e interpretativo, a proposta pretende recuperar a configuración orixinal da edificación, eliminando alteracións e engadidos que desvirtúan o conxunto, respectando en todo momento a memoria da actividade que alí se desenvolveu. O obxectivo final de todo o proceso é recuperar o testemuño dunha actividade tradicional propia do noso territorio e transmitir ás novas xeracións o que supuxo carpintería de ribeira nas costas galegas”.
Polo tanto, o Museo da Carpintaría de Ribeira é un proxecto que reivindica, recupera, preserva e mostra a tradición mariñeira, marítima e navegante galega, e máis concretamente a do concello de Outes. Situado en Broña, foi inaugurado oficialmente o 4 de febreiro deste mesmo ano.
O proxecto ten un claro compoñente de reivindicación do pasado local, un pasado (todo o relativo á carpintaría de ribeira) que como tal desapareceu pero que pode ter, grazas a iniciativas coma esta, un novo e interesante futuro.
O Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira tamén é a sede da Oficina de Turismo de Outes.