O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, e o concelleiro de Festexos, Francisco Suárez Puerta, entregaron este xoves 21 de setembro os premios do Concurso de Escaparatismo e Decoración de Locais Hostaleiros da Feira Mariñeira de Artemar, celebrado este pasado verán.

Segundo fixeron saber, este ano 2023 foron 26 establecementos os que participaron no certame de engalanamento de escaparates. Emitíronse un total de 493 votos; resultando como gañador o negocio Suministros Santa Uxía, en pleno porto de Ribeira.

Outros 5 locais participaron na modalidade de decoración de locais hostaleiros; e foron emitidos un total de 398 votos, resultando como gañador o establecemento Cocoluche.
O rexedor e o concelleiro felicitaron a ambos establecementos e agradeceron a súa implicación. “A participación do comercio local contribúe a preservar e promover a feira de Artemar, así como tamén a nosa identidade e cultura mariñeira” afirmou o concelleiro Suárez Puerta.



