O Concello de Boiro celebra este venres día 29 ás 20.00 horas a gala dos Distintivos Benestar Social, que teñen como finalidade “recoñecer e promover o labor social e de voluntariado no municipio”. Os galardoados deste ano, que se dividen en seis categorías, inclúen persoas, entidade e empresas.
Estes premios recoñecen a persoas, entidades e empresas que destaquen por accións realizadas en beneficio da cidadanía. “Os galardóns, que comezaron o ano pasado, permítennos recoñecer publicamente a aquelas persoas que dedican o seu tempo en beneficio dos demais”, sinalou o concelleiro de Política Social, Raúl Treus.
Os premios deste ano divídense en seis categorías e os galardoados nesta segunda edición do premio van ser a Asociación AMBAR na categoría de Entidade Social; o voluntariado de apoio escolar da Cruz Vermella de Boiro na categoría de Voluntariado; a Clínica Dental Rebeca Ozores na categoría de Sector Empresarial; o Club de Remo de Cabo de Cruz na categoría de Inclusión e Guadalupe Tubío Outeiral (directora de Cáritas Boiro) na categoría de Méritos Extraordinarios.
Nesta edición inclúese un premio máis, o galardón á Superación e ao exemplo, que se desvelará no propio acto, que se vai celebrar o vindeiro venres 29 de setembro de 2023 ás 20.00 horas na planta baixa da Casa Consistorial de Boiro.



