O alumnado de Tahume mostrou o seu talento ante as empresas e cooperativas do mar

08 Setembro 2023

Na mañá deste xoves 7 de setembro, celebráronse no Viveiro de Empresas de Porto do Son as Xornadas de Emprego do Certificado de Confección e Montaxe de Artes. Foi un evento para poñer en contacto ao alumnado do Obradoiro de Emprego Tahume, impulsado polos Concellos de Porto do Son e Ribeira, cas e cos profesionais do sector pesqueiro e marisqueiro, con vistas a futuras contratacións.

Na cita participaron o alcalde sonense, Luis Oujo, e mailos concelleiros de Mar e Sanidade de Ribeira, Fernando Abraldes e Juan Luis Furones, que acompañaron ao “equipo Tahume” na inauguración das xornadas, animando a ambas partes a aproveitar a ocasión para establecer relacións laborais futuras. “E este é un bo momento para facelo, debido aos beneficios dos novos incentivos á contratación”, sinalaron.

Pola súa banda o alumnado fixo gala dos moitos dos coñecementos teóricos e prácticos aprendidos a través dunha moi traballada exposición de redes e aparellos de pesca, acompañada duns entremeses deseñados para a ocasión polas súas compañeiras e polos seus compañeiros do Certificado de Cociña (tamén participantes do Obradoiro Tahume).

Os Concellos agradeceron a participación nas xornadas de representantes do Manilo, do Grupo Pesquero Orellán e da Sociedade Cooperativa del Mar Santa Eugenia da zona de Ribeira (por Ribeira); e do Ansia e Arela, do Amura, do Titán e da Asociación de Redeiras Porto do Son (polo Son).

Como dixemos, o Obradoiro de Emprego Tahume vén da man dos Concellos de Porto do Son e Ribeira. As dúas especialidades activas da oitava edición de Tahume (aparellos de pesca, por unha banda, e cociña, pola outra) comezaron a súa andaina o pasado 3 de outubro, sendo a súa finalidade favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas dos dous municipios (Ribeira e Porto do Son) a través de formación especializada, avanzada e dunha índole marcadamente práctica, poñendo o foco na mocidade local. Un total de vinte alumnos e alumnas participan nesta convocatoria, unha edición dual con dúas especialidades distintas: por unha banda operacións básicas de cociña e pastelería e, pola outra, confección e montaxe de artes e aparellos.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.