
Centenares de africanos, cruzando o Mediteráneo, seguen chegando en pateras a Europa. Algúns seguen enterrando as súas vidas no Mare Nostrum en busca dun futuro con Dignidade. Que fariamos se eses nenos, que morren na travesía, fosen os nosos fillos? Seguiriamos de brazos cruzados, deixando ao noso gobernante mirando para outro lado?.
Xa ninguén dúbida de que a pobreza e a violencia son as causas da expulsión de millóns de seres humanos dos seus países de nacemento. Sabemos que a pobreza extrema tamén mata e, humanamente e de maneira consciente, ninguén quere morrerse de fame.
Como sinala o xornalista residente en África occidental, José Naranjo “cada naufraxio nas augas do Mediterráneo, cada mozo ou cada neno afogado nas nosas costas, todas as traxedias que foron e as que virán levan impreso o selo do noso fracaso como proxecto de convivencia”.
En pleno século XXI, pouco avanzamos. Ata non hai moito tempo os negros eran tratados como homes inferiores próximos aos simios e por tanto, para os occidentais, necesitaban ser colonizados. Negándolles a categoría de seres humanos e rebaixándoos a nivel dun obxecto, a través da escravitude.
Actualmente, España, segue cos valos en Ceuta e Melilla para impedir o paso aos mozos africanos famentos de futuro do que carecen nos seus países de orixe. Séguense violando os Dereitos Humanos pero nunca pasa nada: son negros, pobres e indefensos.



