O Concello de Boiro mantén a súa participación co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través do programa Especialistas en Cooperar. O educador social do Concello de Boiro, Jaime Bello, desprazarase no último trimestre do ano a Mozambique xunto con persoal doutros Concellos para asesorar en materia de igualdade, acción social e deportes.
Segundo informan fontes do Consistorio boirense, trátase da segunda edición deste programa que está destinado a persoal dos concellos, deputacións e mancomunidades de Galicia para reforzar proxectos na África lusófona e o coñecemento doutras realidades a través do intercambio de experiencias.

As tarefas de Jaime Bello en Mozambique estarán vinculadas á promoción do dereito á educación e á saúde da infancia do rural mozambicano que o Fondo Galego leva anos apoiando a través da Fundaçao Encontro. Participará na vida diaria da Casa do Gaiato, que acolle a uns 180 nenos, para traballar principalmente co grupo da mocidade. “Agardo desta experiencia unha aprendizaxe mutua e poñer a disposición do persoal local os meus coñecementos”, afirmou Jaime Bello.
O Fondo Galego de Cooperación está integrado por 100 concellos, entre os que se atopa o de Boiro, de xeito que se levan a cabo programas como Especialistas en Cooperar de voluntariado internacional para persoal municipal, favorecendo o intercambio de experiencias e un maior coñecemento da realidade dos países aos que apoia o Fondo Galego.



