
Durante os primeiros meses do 2022 na conserva viviuse unha verdadeira revolta, unha onda de entusiasmo que levou a miles de traballadoras de toda a comarca a poñerse en pé e a loitar polos seus dereitos. Naqueles días pelexabamos pola consecución dun novo convenio que garantise a igualdade salarial entre mulleres e homes, a prohibición de traballar nas fin de semana e a subida xeneralizada dos salarios que desembocaría na tan ansiada equiparación salarial.
Máis alá do conseguido, o verdadeiro éxito daquelas xornadas foi poder demostrarnos a todas e
todos nós, pero sobre todo á patronal, que o sector da conserva estaba unido, forte e disposto a esixir, a partir de agora, o que consideramos xusto. As folgas daqueles días e as multitudinarias manifestacións en Boiro foron o sinal de que xa pasara, para sempre, o tempo no que un patrón podía decidir nas nosas vidas. Non foron mobilizacións contra ninguén, senón que a favor de nós; nin íamos contra ningunha empresa, senón que defendíamos unhas condición laborais xustas para todo un
sector.
Pero como todas e todos sabemos o poder sempre se resiste a ceder os seus privilexios e está disposto a servirse de calquera artimaña con tal de manter o seu poder e que a súa voz sexa a única con valor dentro da empresa.
Dende mediados de 2022 os responsables de JEALSA Rianxeira comezaron un traballo de atosigamento cara a miña persoa ca intención final de buscar un despido disciplinario xustificado a súa maneira. Como non podían desfacerse de todas as traballadoras que demostraron valor durante o conflito, elixiron unha cabeza de turco, así que viñeron a por min. Obviamente co obxectivo de atemorizar a todas as demais. Na dirección de JEALSA Rianxeira creron que librándose dun representante das traballadoras, que estivo na primeira liña durante todas as protestas e nas negociacións do convenio colectivo fronte a patronal, conseguirían tamén que ninguén se atrevera a alzar a voz nunca máis no sector conserveiro do Barbanza.
Benvidos a máquina do tempo que nos devolve 100 anos atrás! No mes de febreiro recibín a carta de despido na que JEALSA Rianxeira acusábame de toda unha sarta de tropelías co fin de facer pasar todo iso por un despido disciplinario, unha morea de mentiras coas que queren esconder as súas verdadeiras intencións: criminalizar a loita obreira e que o meu despido sirva de escarnio público para todas as traballadoras e traballadores. Unha estratexia para que a xente colla medo e se esqueza para sempre de loitar polos seus dereitos.
O próximo xoves 14 de setembro teño un novo xuízo para defender o meu traballo, enfrontarme ás acusacións e desmontar as mentiras que verteron sobre min. Pero sobre todo para defender o dereito á protesta e o respecto da clase traballadora.
“obarbanza.gal” non se fai responsable das opinións privadas dos articulistas.



