“Gaivotas. Compañeiras inevitables e moitas veces indesexables” – Antón Luaces

24 Setembro 2023

Sendo un rapaz aprendín de amigos como Tucho O Chanaino, Andres O Caxado, Pepe O Gancho e un longo etc., todos eles fillos de mariñeiros da Ribeira dos anos 50 do século pasado, que as gaivotas non eran -nen son- aves amistosas para os pescadores por moitos motivos, entre os que o feito de que depredaran nos aparellos ou no parque de pesca unhas ducias de exemplares de sardiñas, xurelos, tranchos. etc., non eran o máis importante para evitalas. Tampouco o eran os seus chíos estridentes, molestos en alto grao cando ducias desas aves, algunhas delas de  considerable tamaño, se guindaban con absoluta puntaría -niscarela, dicía Pepe- para se levaren no peteiro parte do que debería ser vendido na lonxa.

Nunca me dixera ninguén o motivo desa non relación entre mariñeiros e gaivotas. Mais un día, un dos moitos profesionais do mar aos que consultaba decotío cuestións que trataría no programa “Españoles en la Mar” (que dirixía e presentaba en Radio Exterior de España) deume razón do porqué do desencontro: a gaivota non é boa compaña, dixo. A explicación máis rotunda foi que a gaivota “é unha come-mariñeiros. Cando estes aboian no mar, afogados, elas, as gaivotas, fártanse cos seus restos, comezando polos ollos e os beizos. Non podo velas. E sei de compañeiros que, ao saír o barco para a faena do día, iscaban os anzós de varias liñas que largaban a popa coa idea preconcibida de “pescar” gaivotas. Unha vez estas no seu poder, atábanlles as patas e as ás e guindábanas ao mar para que morreran nel ou nel as comeran outros animais mariños. Facíanno cada día, porque un amigo e compañeiro seu foi rescatado do mar, xa morto, coa faciana totalmente peteirada por elas. Non se recoñecería, se non fora pola roupa que levaba enriba. E os homes vingábanse deste xeito”.

Seica fora no Gran Sol onde morrera o mariñeiro citado. E o barco desde o que “pescaban” gaivotas, tiña base no porto da Coruña.

Esta mesma tarde do sábado, vendo o programa da 2 de TVE (que emite uns documentais de excepción) atopei outro motivo para non ser amistoso coas gaivotas: estas, nas costas arxentinas ás que arriban as baleas para se aparearen e parir, as gaivotas levan anos peteirando os lombos -con pel branda e moita graxa apegada- dos baleatos. Din os científicos que estas crías de mamíferos mariños reciben diariamente un mínimo de mil peteirazos de famentas gaivotas que os acosan. As feridas que lles producen cos peteiros, infectan e, en moitos casos, provocan a morte das crías de balea cuxos corpos aparecen posteriormente nas praias arxentinas cunha nube de famentas gaivotas aproveitando os seus restos.

Vendo esta reportaxe de TVE (segunda cadea) lembrei o episodio que relato e engado que, sentado nas rochas de Pedra Pateira ou camiñando por Bandaurrío, O Peiral ou o malecón, sempre me chamou a atención a branca fermosura das crías de gaivota (as que en Ribeira chamaban “carrulas”) que, en mañás de Nordés, cando os mariñeiros buscaban acubillo na caseta do fielato -onde as mercadorías, especialmente bocois de viño procedentes de Vilagarcía, pagaban arbitrios e taxas- para se contar as súas coitas, semellaban unha marabillosa e compartida estampa mariñeira.

Obviamente, non era tal.

Outros artigos

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

+

“Loita nas rúas e nos despachos” – José Manuel Pena

Bandeiras anticonstitucionais e falanxistas, cánticos franquistas, insultos e odio cara a todos aqueles que non pensan como eles, é a imaxe desagradable e vergoñosa que demostraron un grupo de mozos, algúns menores de idade, na capital de España. Algúns nos...

+

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.