As Festas da Guadalupe, que comezan en Rianxo este 8 de setembro, estendéndose até o día 15, contarán cun punto violeta que estará localizado en diferentes puntos do municipio en función da programación festiva.
Este espazo, que levará a cabo Exeria en colaboración co Concello, é un espazo de seguridade para todas as persoas que o precisen, persoas que sufran algún tipo de agresión, menores que se atopen perdidos, etc. Ademais, no espazo proporcionarase acompañamento e información contra a violencia de xénero e realizaranse actividades de sensibilización e prevención a través de material específico a tal fin.




