As farmacias das parroquias de Ribeira rexeitan os cambios nas quendas das gardas nocturnas

28 Setembro 2023

As farmacias das parroquias ribeirenses de Aguiño, Carreira, Castiñeiras, Corrubedo e Palmeira asinaron un comunicado compartido no que achegan a súa visión particular acerca do cambio nas quendas de garda dos dispensarios do concello de Ribeira, un cambio que se formaliza este venres 29 de setembro e que supón unha importante reorganización das quendas de garda nocturnas das boticas (en horario de 22 a 9:30 horas).

No comunicado os dispensarios das ditas parroquias expresan o seu rexeitamento ás ditas novidades.

Segundo lembran as farmacias das parroquias sobre a orixe desta disposición, “por iniciativa dunha farmacia da cidade, o Colexio de Farmacéuticos de A Coruña acordou que as gardas nocturnas, que viñan sendo realizadas polas cinco boticas de Ribeira, pasarán a ser realizadas tamén polas situadas nas parroquias de Aguiño, Carreira, Castiñeiras, Oleiros e Palmeira”. A decisión colexial, recordan, “contou co apoio de catro farmacias da capital do concello, e o rexeitamento das outras sete do concello”.

E comentan: “Aínda sendo conscientes de que a nosa opinión contraria a este cambio pode ser interpretada dende o desexo de non participar no esforzo necesario para prestar un servizo de gardas á poboación de claro interese público, as farmacias das parroquias citadas queremos facer partícipes ás veciñas e veciños do concello da nosa preocupación polo que consideramos que vai supoñer un deterioro deste servizo de interese público”.

Na súa opinión, “coa nova organización das gardas durante a metade dos días do ano unha usuaria que acuda ao Punto de Atención Continuada de Ribeira, e lle sexa receitado un medicamento entre as 22 e as 9:30 horas, terá que desprazarse ata a farmacia de garda de Palmeira, Oleiros, Castiñeiras, Carreira ou Aguiño, feito que consideramos que dificultará e mesmo encarecerá o acceso dos usuarios aos medicamentos prescritos polo servizo de urxencias, incrementando a probabilidade de que a toma do medicamento sexa adiada ata a hora de apertura dunha farmacia máis accesíbel”.

No comunicado sosteñen que “ao noso entender neste caso o Colexio de Farmacéuticos, con competencia delegada da Consellería, outorgou maior importancia ao reparto equitativo do esforzo das farmacias na cobertura do servizo de urxencias nocturno que á calidade, accesibilidade e equidade deste servizo para todas as veciñas e veciños do concello. Lamentablemente, pensamos que as persoas que precisen do servizo farmacéutico nocturno vannos dar a razón”.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...