Activistas de Ecoloxistas en Acción realizan unha protesta ante a Cámara de Minería de Galicia por mor das minas de San Finx e Touro

06 Setembro 2023

Activistas de Ecoloxistas en Acción entraron este mércores 6 de setembro nas dependencias da Cámara Oficial Mineira de Galicia, situada na Coruña, con botellas de auga recollidas das verteduras procedentes das minas de San Finx (Lousame) e de Touro, en protesta polos problemas de contaminación que teñen xerado (e aínda poden xerar) estas explotacións. Os ecoloxistas convidaron os representantes do organismo a beber auga das botellas despois de que a Cámara mineira asegurase nun comunicado que é inocua para a saúde humana e o ecosistema. O persoal da Cámara rexeitou o convite.

A organización lembra que unha análise realizada en San Finx a finais de agosto evidenciaba que os niveis de cadmio, substancia tóxica e canceríxena, situábanse 78 veces por encima do nivel máximo que permite a lexislación. Os valores de cobre superaban 48 veces o tope legal. No caso de Touro, os valores que presentan os leitos próximos á mina son aínda máis elevados.

Con esta acción, Ecoloxistas en Acción pretende “poñer en evidencia o papel nefasto que xoga un organismo como a Cámara Oficial Mineira de Galicia”, ao que a Xunta atribuíu competencias públicas como a xestión do Censo Catastral Mineiro, “a pesar de que centra os seus esforzos no lavado verde do sector mineiro e despregando”, en palabras da organización ecoloxista, “un negacionismo absoluto fronte a todos os seus impactos ambientais”.

Ecoloxistas en Acción sinala que, nesta liña, o recente comunicado da Cámara Mineira acusaba á organización ecoloxista e ás confrarías de pescadores da ría de Noia de transmitir “información imprecisa, sen ningún valor científico e cun rumbo ideolóxico antiminería”.

Tanto as confrarías como Ecoloxistas en Acción encargaron informes técnicos independentes sobre as minas de San Finx e Touro, os elaborados polo prestixioso hidrólogo Steven Emerman, nos que apuntan, “evidénciase que as propostas de tratamento e xestión de residuos postas sobre a mesa polas empresas mineiras son ineficaces”.

Ecoloxistas en Acción alerta, tanto no caso de San Finx como no de Touro, “de que a posta en marcha das explotacións causaría un enorme impacto ambiental, afectando, respectivamente, ás rías de Muros-Noia e Arousa, das que dependen decenas de miles de postos de traballo directa ou indirectamente dependentes da pesca e marisqueo tradicionais”.

“Fronte a isto”, engaden, “proxectos mineiros como o de San Finx apenas contemplan 12 postos de traballo”. Ana Díaz, portavoz de Ecoloxistas en Acción, declarou: “A Cámara Mineira tenta ocultar os impactos da mina de Lousame sobre a ría de Muros e Noia. Ademais defende unha explotación mineira que non conta cun proxecto de explotación válido nin unha avaliación de impacto ambiental. A cambio de subvencións e convenios, están a facer un lavado para unha Xunta de Galicia que ten numerosos funcionarios e altos cargos imputados polas irregularidades desta explotación mineira”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión