A veciñanza da aldea de Argote, en Noia, vén de denunciar un grave caso de maltrato animal na contorna noiesa, uns feitos que volven poñer de manifesto a indefensión dos animais fronte calquera acto criminal que poida perpetrar quen carrexe escopetas, velenos, trampas ou calquera outra ferramenta ou instrumento que se poida converter nun arma. No caso concreto de Argote, os veciños denuncian o uso de balotes (balíns) contra gatos deste núcleo de poboación. Os disparos remataron coa vida de Morito, xa que un dos proxectís cruzoulle a columna vertebral deixándoo “sen posibilidades de vida”.
E explican: “Os veciños da aldea estamos moi preocupados pola situación, xa que poden seguir maltratando ao resto de animais e mesmo facer dano a nenos e persoas que por alí pasan, zona que é moi transitada por viandantes e corredores”. No comunicado reproducen as radiografías que se fixo ao gato Morito onde se aprecia o balote incrustado na columna.

Segundo fan saber, o disparo foille propinado o sábado 2 de setembro “sen ningunha xustificación”. Este causoulle a morte ao animal debido a que o proxectil, case con toda probabilidade disparado cunha arma de aire comprimido, atravesoulle a columna vertebral dun lado a outro. “E esta non é a primeira vez que sucede, xa que se atopou outro gato cun perdigón introducido na súa pata dianteira esquerda”.

O gato falecido foi atopado tirado sobre as 18.00 horas nunha leira lindeira á vivenda que frecuentaba todos os días sen reaccionar a estímulos. O seu coidador, ao velo nese estado, correu con el á clínica veterinaria en consulta de urxencia.
En palabras da veterinaria que o atendeu, Sara Portela, “o animal atopábase en estado semicomatoso, decúbito lateral, tetrapléxico, temperatura rectal 38,5 °C, reflexo de ameaza diminuído, taquicardia e taquipnea “. Na exploración física “detéctase unha dor bastante severa, o animal non é capaz de vocalizar e obsérvase unha lesión incisa circular na zona dorsal ao húmero esquerdo”. Ao atopar esta ferida, a veterinaria colexiada decidiu realizar radiografías de tórax e abdome, onde indica que “se visualiza xunto á escápula dereita un obxecto de metal ou chumbo, e que conclúe que é un perdigón ou balote, o cal atravesou a columna do gato, podendo observarse os fragmentos na radiografía.”
Tras 17 horas en observación na clínica e ante o empeoramento dos síntomas e a dor tan alta que seguía padecendo, o animal tivo que ser eutanasiado, xa que “non tiña posibilidade ningunha de mellora ou cura”.
O seu coidador presentou unha denuncia ante a Garda Civil porque, segundo dixo, “teme que volva suceder co resto de animais que roldan a zona” e desexa que se investigue na medida do posíbel para atopar ao culpábel. Confesan, el e os seus veciños, “estar preocupados”, xa que este feito “entraña perigo tanto para outros animais que percorren a zona, así como para nenos e adultos, xa que é unha zona moi transitada para viandantes e corredores”.
Ademais, insta a calquera persoa que puidese ver algo ou que sospeite de alguén, que llo comunique á Garda Civil de Noia para que lles poida conducir ata o autor dos violentos feitos.
Historia do gato
Morito era un gato común europeo, todo de cor negra, nacido no mes de xuño de 2022 en Argote, Noia. Era fillo de Canela e irmán de Escombri, ambas as gatas atigradas de cor gris. “Era un animal novo moi rebuldeiro, divertido, cariñoso e cunha longa vida por diante, truncada por un individuo cruel que lle disparou de socato”, sinala o seu propietario, engadindo que pertencía a un grupo de seis gatos da aldea de Argote, que son ben recibidos na maioría das casas dos veciños, quen, entre todos, alimentan, coidan e consenten a todos estes animais.
