“A creba do Estado de dereito”. Carlos Moledo

20 Setembro 2023

O remate do lecer estival e o inicio do curso –tanto académico como xudicial ou político-ofrécense como unha excelente oportunidade para retomar o encontro co ocasional lector que se achegue a estas reflexións que non poden esquecer pois o que está a acontecer na sociedade. Cuestións e asuntos de moi diverso signo pero que teñen como común denominador reflexionar sobre a situación política e o deterioro institucional que está a atravesar o noso país e que, para quen isto asina, amósanse de comentario urxente.

A pouco do inicio deste verán tan curioso -no que a política se refire- a primeira lección, mesmo insólita, que nos tocou aprender como cidadáns demócratas, tentando facernos crer que nunca antes participaramos dun proceso electoral ao tipo, foi a introducida polos defensores desta suposta España de progreso que avanza en sociedade xusta e igual entre homes e mulleres -nótese aqui un triste sarcasmo-, obrigándonos a esquecer a clara realidade do trunfo dun candidato para –o mundo ó revés- facernos comulgar coa vitoria dunha candidatura perdedora. Este é o comezo da esperpéntica realidade que atravesou España este verán, unha situación que continua a castigar, cal maléfica Dana borrascosa, o noso país estes días e que para nada respecta a intención da inmensa maioría dos homes e mulleres que o integramos. Tan só depende da arbitraria decisión da Presidencia do Goberno –chamada por responsabilidade institucional a ser unha das primeiras defensoras do Estado de dereito forxado pola Constitución de 1978- e que se afana en entregar o futuro de España – a cambio de continuar á fronte do executivo- nas mans dos que queren rematar con todo vestixio ou pegada relativa á identidade española, conformada nunha única nación e asentada nun único país.

Testemuño desta cuestión é o que está a acontecer no Congreso dos Deputados, sede da soberanía nacional. Sería unha necidade non recoñecer tanto a existencia como mesmo a necesidade de defensa do resto de linguas que xunto ao castelán se falan no noso país e, en consecuencia, promovelas con quizais máis entusiasmo dentro de todo o relativo á Administración Autonómica naquelas comunidades onde haxa recoñecida unha lingua cooficial. Xa sexa pola Historia froito desa lingua ou a cultura que emana do seu léxico. Pero agora ben, realmente nos queren facer crer que a única defensa posible destes idiomas e, en consecuencia, dos seus falantes, pasa por implementalas na casa común de todos os españois como nova torre de Babel, é dicir, crear a paradoxa de que a virtude do uso dun idioma non pasa por ter unha lingua común na que todos podemos entendernos e expresarnos senon que trunfa a imperiosa necesidade social -para algúns- de falar o idioma que a cada un se lle antoxe para non ver coartada a súa liberdade de expresión. Un comportamento que disfraza mediante este engano o primeiro paso -xa consumado- para limitar un dos símbolos máis unitarios que temos coma sociedade e país, o noso idioma común. Iso si, polos mesmos independentistas tan farisaicamente reivindicativos que, fora da tribuna, utilizan o castelán diante dos xornalistas. É dicir, mera pose co propósito de debilitar as institucións que nos son comúns.

Comezar a crebar os elementos que nos unen como españois é o primeiro paso para encamiñarse a un Estado confederal –disfrazado coa mais eufemística expresión de “país de países”- opoñéndose así por completo á nosa Constitución, que xurdeu –convén non esquecelo- froito dunha exemplar Transición e pacto de futuro en común entre todos os cidadáns.

E do mesmo xeito que sucede coa fala -obviando toda responsabilidade á hora de tomar este tipo de decisións- , este proceso continúa por aceptar de facto a proposta independentista da amnistía con todo o que isto implica para o noso ordenamento constitucional e xurídico.
Aceptar a chantaxe de esquecer o golpe de estado do ano 2017 e, en consecuencia, ignorar todas as responsabilidades penais das partes implicadas e xa condenadas polos tribunais de Xustiza quizais sexa pouca carga para quen tan só ten a intención de continuar á fronte do goberno custe o que custe. En todo caso, unha cuestión que nos deberia facer pensar en cal será o seguinte escarnio ao que nos teremos que enfrontar coma sociedade. Facendo leis á carta, obviando intencionadamente o que significamos como país e mesmo revertindo o Estado de dereito –onde os infractores son amnistiados e, en consecuencia, o Estado convírtese en culpable da aplicación das Leis democráticas aprobadas polo soberanía popular no Congreso dos Deputados-, malamente conseguiremos avanzar como unha sociedade de iguais na que todos esteamos sometidos á Lei e preocupándonos, como deberamos, polos
importantes problemas que afectan ao noso día a día, que non son nin poucos nin liviáns. Ser iguais todos ante a Lei en dereitos e deberes. Velahí o que está en inminente perigo.

Por Carlos Moledo, estudante de CC. Políticas

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...