
Sumado un albanel que traballaba na rehabilitación dos edificios do Pazo do Río, na parroquia oleirense de Montrove, foron 86 as persoas falecidas no accidente de aquel 13 de agosto de 1973, data na que Galicia viviu a maior traxedia aérea rexistrada nesta comunidade autónoma.
A bordo do avión , 6 tripulantes e 79 pasaxeiros, moitos deles da veciñanza.
Era o turborreactor “Emilio Arrieta”, un Caravelle da empresa española Aviaco, que saíra do aeroporto de Barajas (Madrid) ás 09,30 horas dunha mañá de milura na comarca da Coruña con destino ao aeroporto de Alvedro. O avión penetrou polo tellado do edificio principal como se unha man o deixara caer do ceo após tronzar coa súa panza e ás as pólas de varios eucaliptos que coroaban un pequeno alto existente nunha leira da outra beira da estrada A Coruña-Oleiros. Un día de orballo como tantos dos veráns daqueles anos nos que a terra non secaba, como seca actualmente. Os datos climatolóxicos no aeroporto coruñés sinalaban que este se achaba baixo mínimos e con visibilidade de só 350 metros cando a aeronave iniciaba a aproximación desde unha altura de 3.000 pés (914 metros). Houbo unha pequena melloría do tempo nos seguintes minutos, após manobras fallidas e abortadas, com visibilidade horizontal de 1.500 metros e vertical de 150. O piloto confirmou a aproximación e desde a torre de control aeroportuario informaron que estaban agardando ver o avion. Ás 11,40 chegou a derradeira mensaxe do piloto do EDC-BIC: “Roger” (Recibido).
A partir de aquí todo foi silencio nas comunicacións e, ás 11,46, o xefe do aeroporto informaba á torre de que o avión se estrelara en Montrove.
O accidente tivo lugar cando o vento aumentara lixeiramente.
Os restos da aeronave quedaron, na súa meirande parte, ardendo no interior do edificio -tres vivendas da finca- a tres quilómetros da pista 22 do aeroporto de Alvedro. A cabina quedou separada da fuselaxe e, a uns dez metros do avión. O tren de aterraxe dereito a 50 metros.
Todo isto foi o que nos atopamos Edmundo Naya Naya, xefe técnico de RCE; Antonio Conchado Gómez, técnico de son tamén de RCE, e máis eu. Fomos os primeiros traballadores dun medio de comunicación en chegar á durísima escea, es medio duns chíos que pensabamos eran os berros dos ocupantes do avión, este absolutamente en lapas que, en altura, sobrepasaban, a altura dos edificios.
Cando coidabamos que aqueles berros procedían dunha zona da casa que tiña unha portela ao exterior, conquerimos abrila e, xunto con fume e lapas apareceron galiñas e unm par de cabuxas que formaban tremenda algarabía mentres corrían polas hortas. No interior das vivendas, lume e, entre os veciños que ían chegando, a desesperación de non podermos facer nada. Xa, logo, ambulancias, bombeiros e forzas de orde pública.
Pola tarde. mentres os sanitarios e os bombeiros recollían cadáveres totalmente calcinados, en campos próximos algunhas familias merendaban.
Nas inmediacións, maletas e bolsas de viaxe, libretas e libros de nenos, e facianas de familiares que evidenciaban, a máis da dor, a desesperación de saber que nada se podía facer por aqueles que, desde Madrid, retornaban aos seus domicilios.
Xa non chovía. Os bombeiro acadaran apagar o lume. E van xa 50 anos daquelas dantescas imaxes imposibles de esquecer.



