A nova edición da feira Gastromar, o salón de produtos pesqueiros de Ribeira, vaise celebrar esta fin de semana, a partir do venres 25, con centro de actividades na praza de España. A inauguración deste importante escaparate do sector, no que se reivindican produtos e empresas locais, e peixes e mariscos de primeira calidade, será este venres ás 12:30h na praza de España. Estarán presentes o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral e o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Francisco Martínez Gude, entre outras autoridades.

A Feira Gastromar está impulsada dende a Asociación de Empresarios de Ribeira en colaboración coas Confrarías de Aguiño e Ribeira, cos produtores de mexillón (OPMEGA), co Concello de Ribeira e, tamén (nesta segunda edición), coa Cooperativa de Armadores de Ribeira. O obxectivo será novamente “poñer en valor e dar a coñecer os peixes e mariscos da nosa ría”, sinalaron, ao tempo que destacaban a necesidade de reivindicar os produtos que, polas razóns que sexan, non adquiren as meirandes cotización e demanda no mercado.
A nova edición de Gastromar terá formado de gran degustación, e celebrarase os días 25, 26 e 27 de agosto no mesmo escenario elixido para a primeira edición: a praza de España de Ribeira. A intención dos organizadores é mellorar a implicación, a participación e a visibilidade da convocatoria anterior, “da que quedamos moi satisfeitos dos logros alcanzados”, sinalou o presidente da asociación, Francisco Martínez Gude.



