O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e o concelleiro de Turismo, Francisco Suárez-Puerta presentaron este xoves 24 de agosto unha nova iniciativa para o fomento da mobilidade limpa e saudábel: unha estación de reparación de bicicletas de uso libre e gratuíto para tódolos veciños e veciñas que conta con diferentes unidades operativas espalladas polo concello.

As estacións, da empresa ribeirense Quintena, están dotadas das ferramentas necesarias para que calquera ciclista poida realizar pequenos traballos de reparación ou mantemento das súas bicicletas, explicaron, engadindo que “o obxectivo destas infraestruturas, situadas en lugares de paso e enclaves estratexicamente interesantes, é servir de apoio e reforzo para que os cidadáns se animen a utilizar este vehículo”.
Rexedor e concelleiro explicaron tamén que “contar con estacións de reparación no concello permite aos ciclistas resolver problemas menores nas súas bicicletas de forma autónoma, o que non só aforra tempo e diñeiro, senón que tamén aumenta a confianza da xente no uso da bicicleta como principal medio de transporte.
Actualmente hai 4 estacións nas seguintes localizacións: no parque biosaudábel de Artes; na Oficina de Turismo de Ribeira; a carón do Chiringuito Quimera (en Coroso) ao remate do carril
bici que atravesa a cidade dun extremo a outro; e na rúa norte (ao lado da cabina de teléfonos, en Palmeira).
“Queremos ofrecer un servizo complementario ás persoas que utilicen a bicicleta, promovendo o seu uso e o da rede de carrís bici. Fomentar o uso da bicicleta significa contribuír á redución das emisións de gases contaminantes e da conxestión de vehículos, o que ten un impacto directo na calidade do aire e na loita contra o cambio climático”, salientou o concelleiro de Turismo.



