
Todo está por facer e todo se vai facendo. Pero nada, ainda se ten concretado: o forno non queceu, a masa leveda. Núñez Feijoo, o candidato a presidente do Goberno por ser o máis votado, non arría o remo da súa gamela e segue a navegar polas fonduras dun mar bravo no que a chalana de Pedro Sánchez -a priori o candidato con máis apoios na Cámara baixa para repetir á fronte do Executivo español boga e cía, cía e boga, nas augas dos nacionalismos e os independentismos, sen deixar de SUMAR en augas ata o de agora nunca navegadas nas que o faro está inestablemente instalado na illa de Puigdemont, cuxa base asenta en sentenzas xudiciais teóricamente inamovibles para o PP e Vox.
Todo se está facer para acadar rachar con esta situación na que, ata o mesmísimo Rei de España deberá sopesar o que fai a súa man dereita para que a esquerda non bloquee o movemento. Porque todo é novo desta volta. Nengún movemento anterior serve de precedente e todos os actores, por máis rodados que estean, agardan espectantes a orde de “rodamos”.
Sí, todo está por facer. Mesmo nas redaccións dos xornais, radios, televisións, revistas, onde nen sequera se pode adiantar un titular dado que o mesmo pode resultar fallido. Todo son especulacións, cálculos aproximados. Un constante “e se….?” que non leva a ningures.
É o resultado dunha perversa xogada electoral na que o PNV volve dar as costas a un PP perdido no mar de NONS e un PSOE que xoga as súas bazas para ver “se deste xeito vai”.
Endemoñada situación para a que non se atopa unha saída doada debido a que son moitos os que teñen que deixar pelos na gateira. Polos menos a priori.
Deitado a carón da lareira, o gato peitéase o bigote, como se nada fose con el. Pero vai, vai, vaia se vai, cidadán.
O 17 saberemos máis.



